Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
O amor romántico e o Día dos namorados (por Adriana Romero)

amorroTemos unha idea errónea da parella. Cremos que os homes teñen que ser protectores e as mulleres submisas, que os ciumes son normais, que debemos formar unha parella heterosexual ou que as mulleres teñen que querer ter fillos, entre moitos outros estereotipos de relación perfecta que se nos impoñen dende pequenas.

Para comezar, ás mulleres non teñen que gustarnos os rapaces. Parece que dende pequenas se nos obriga a medrar, casar e ter fillos. Ademais, exponse dende as películas e dende a vida en xeral un modelo de parella tóxico. Esas parellas sen liberdade, con ciumes, un home controlador que manda sobre a muller, que parece que ten que protexela, como se as mulleres non soubésemos coidarnos soas. Medramos vendo películas que seguen todas un mesmo padrón, unha muller que ten que ser salvada polo seu namorado. Debemos aprender que nin temos que ser salvadas por ninguén nin necesitamos compartir a nosa vida con outra persoa se non queremos.

Por outro lado, as parellas non teñen porque ser heterosexuais. A diversidade sexual é un feito e parece que a veces se esquecen de ensinarnos que non é só un o camiño que podemos escoller. Non se ven películas de rapaces onde en vez dunha princesa e un príncipe haxa dous príncipes ou dúas princesas. Isto sucede porque, por un lado, hai xente que opina que os rapaces son demasiado novos como para aprender iso, como se non fose algo real e algo que deben saber que existe. Polo outro lado, opinan que é hipersexualizar, o que resulta estraño debido a que si que permiten que iso se faga cunha parella heterosexual. Un exemplo disto é a película Frozen, na que, supostamente, a protagonista ía ser lesbiana, pero despois das queixas de pais (que dicían que non lles ían deixar aos seus fillos e fillas ver esa película), decidiron non especificar a súa orientación sexual.

Todos estes aspectos saen a relucir no día dos namorados. Un invento da sociedade capitalista, onde se pretende que as persoas gasten cartos en regalos para a súa parella. Obviamente a súa finalidade é esa, o consumo. Ademais disto, neste día afiánzanse os modelos de parella dos que falamos anteriormente. Con todo, é algo común sentirse incómodo se es un adolescente que nunca tivo parella, e é normal, xa que dende que somos pequenas pregúntannos se xa temos noivo (ou noiva no caso dos rapaces), como se fora algo no que pensa unha persoa de 5 anos. Fan que pareza un drama pasar o día dos namorados sen namorado.

En conclusión, as parellas non teñen que ser heterosexuais, as mulleres non teñen por que querer ter fillos, os homes non deben ser protectores, os ciumes son un comportamento tóxico… Debemos educar dende un principio os rapaces e rapazas para que entendan que as relacións poden ser diversas e que non teñen que seguir os estereotipos de relación tóxica marcados pola sociedade.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.