Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas
Comentando Un chien andalou (por Tamára Sóñora)

Resultado de imaxes para: un chien andalou     A curtametraxe Un chien andalou, de Luis Buñuel, realizada a finais da década dos 20, é unha película coa cal se pode experimentar de primeira man o espírito vangardista da época. Comezando polo seu título, xa se poden ver características surrealistas, xa que en ningún momento se fai alusión a el durante o contido da filme.

Introducíndonos nestes contidos, só é posible entender que é unha sucesión de historias sen ningún tipo de nexo. De feito, isto faina diferente e excepcional como historia, xa que rompe coa tradición de que un acontecemento sempre debe ser narrado de maneira argumental e provoca sorpresa no espectador captando a súa atención. A primeira escena desta sucesión de historias mostra a un home cortándolle un ollo a unha muller. Nesta parte aínda me sinto coma se a historia fora a ter un argumento, pero logo mostran rápidamente unha sucesión de escenas coas mesmas personaxes sen ningún tipo de nexo, intercalando entre cada unha un letreiro especificando o tempo no que se produce o relato, pero estes letreiros carecen de sentido, producíndome a sensación de que o tempo deixa de importar.

Por outro lado, aquí é onde se mostra o influxo de Dalí, e non só na estética dos escenarios representados, xa que para el o tempo era relativo e diferente para cada persoa. Por outra banda é polo influxo deste artista que podo intuír que toda a película intenta recrear un mundo onírico. Este sentimento onírico comeza a facerse visible na miña mente canto máis avanza a curta, habituándome á sensación de non entender exactamente o que está pasando canto máis pasa o tempo e facendo que me acostume máis e máis a esa realidade surrealista. En canto me consigo acostumar totalmente a esta realidade, comezo a poder centrarme en certas sensacións que me manifestan as escenas, pasando dende o noxo polos insectos nas mans ata unha incomodidade persistente que só desaparece co fin da serie de persecucións.

Posteriormente, cambia a escena totalmente, e o que antes eran distintas situacións do home e a muller varía, creando confusión.

Finalmente, a última sensación que sentín foi fastío, pensando que esa serie de historias inconexas nunca tería un final, sentimento que se disipa cando aparece en escena unha bolboreta cun deseño en forma de calaveira, creación de Dalí tamén utilizada para a película O silencio dos cordeiros, que pecha a curtametraxe dando unha sensación de morte, de traxedia, como conclusión de todas esas historias que en ningún momento rematan ben.

Como conclusión, gustaríame resaltar que o espírito vangardista que se manifesta na obra cumpre a súa función, producindo nunha realidade surrealista unha serie de sensacións que sacan ao espectador da realidade racional na que se move sempre a súa mente e, por outro lado, rompendo a estrutura establecida para contar as historias, escribindo un capítulo na historia do cine.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.