Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Os prexuízos lingüísticos cara o galego na vida real (por Sergio Somoza)

Resultado de imaxes para prexuizos lingüísticosPara empezar , debemos chamar a atención sobre o concepto de prexuízos lingüísticos. Con este concepto referímonos a toda valoración negativa que se realiza cara unha lingua ou cara os seus falantes manipulando, malinterpretando ou inventando a realidade a partir dos estereotipos. Este fenómeno débese principalmente ao concepto de diglosia, é dicir, a coexistencia en condicións de desigualdade de dúas linguas nun territorio, exercendo a lingua foránea, como hexemónica, os usos de maior relevancia e a lingua propia, como minorizada,  usos limitados e restrinxidos ao ámbito familiar e ao rexistro coloquial. Este feito é o que se dá en Galicia co galego e co castelán, sendo o español o idioma dominante.

O feito que imos analizar desenvolveuse no reality Gran Hermano no ano 2011. Neste programa a coruñesa Marta López mostrou, sen lugar a dúbidas, un pensamento galegófobo ao deixar constancia dunha cantidade inmensa de prexuízos cara o noso idioma. Na súa intervención comeza afirmando que na escola os libros de texto eran en galego e que a docencia do profesorado se desenvolvía en castelán, mais que ela mercaba os libros en castelán porque dicía ´´falar mal galego´´ e, en consecuencia, ao non comprender correctamente todos os termos que se utilizaban nestas publicacións, dificultaban a súa memorización. Este aspecto non só reflicte un pensamento negativo cara o idioma propio de Galicia, pois podemos observar a sensación de preguiza por parte desta muller para informarse do significado dalgún termo, mostrando así a súa escasa formación e mesmo ignorancia.

Por outra banda , a relación entre falar un idioma e ter unha ideoloxía política determinada é outra das visións que esta concursante quere transmitir. Marta López asegura que pouca xente fala galego e que aquelas persoas que o utilizan son nacionalistas, cando en realidade , o feito de usar un idioma non condiciona ser de esquerdas,dereitas , de centro ou independentista. Este é un dos prexuízos máis recentes dende a chegada da Democracia a pesar da existencia de medidas e leis consensuadas pola cámara autonómica que regulan o uso deste idioma en diversos ámbitos.

En terceiro lugar, mostra que o galego non é un idioma válido para ligar, afirmando rotundamente que moitas persoas rexeitan a outras persoas polo idioma que falan. Así mesmo podemos observar como inicialmente Marta López mostra unha concepción do galego como un idioma bruto e feo polo uso do seseo e gheada, criticando ademais como unha gran parte da xente xove fala galego. Mais tamén debemos destacar como a súa compañeira di posteriormente que o acento galego soa ben e bonito. Posteriormente, maniféstase unha visión contraditoria por parte da concursante de orixe galega ao mostrarse de acordo ca idea manifestada pola compañeira, afirmando que a xente se avergoña do propio acento.

En definitiva , podemos observar como estamos ante unha situación real de prexuízos e de galegofobia, manifestada a través dunha coruñesa ignorante, con falta de criterio e carente de sentido crítico, que se contradí en máis dunha ocasión ao manifestar a súa opinión sobre o galego. Esta realidade, por moito que os medios de comunicación a pretendan ocultar en determinadas situacións, existe nunha proporción maior da que pensamos. Por esta razón, deben tomarse medidas que favorezan a erradicación de visións tan prexudiciais para cunha comunidade lingüística e social.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.