Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Os medios de comunicación e a transparencia en Cataluña (por Jorge Méndez)

Resultado de imaxes para crise catalá na prensa internacionalOs medios de comunicación transmítenos información (supostamente) obxectiva da cal podemos fiarnos pola súa veracidade. Pero o problema aparece cando nos decatamos de que as subvencións outorgadas a eses medios pasan polo Goberno en funcións e mesmo pola ideoloxía do redactor que escribe; polo que, moitas veces, esa obxectividade transfórmase en subxectividade na sociedade da posverdade, na que se pretende orientar, controlar ou dominar o pensamento público, non só no referido aos sucesos en Cataluña, senón tamén en todos as novas de actualidade das cales poidamos ser informados.

En primeiro lugar, debémonos cuestionar todo, pois nós non estamos en Cataluña, non sabemos como se vive alí o día a día e, moitas veces, non estamos situados no contexto correcto, por exemplo cando vemos certos vídeos ou imaxes que posteriormente resultan duramente criticadas en redes sociais ou noutros medios por tratárense de farsas (bulos).

Así mesmo, temos que entender que os medios de comunicación son propiedade ou, en moitos outros casos, mantéñense en pé grazas a acción do goberno cos cartos que lles dá, polo que, se o goberno califica de “golpistas” aos cataláns implicados no 1-O, o redactor ou emisor, nomeará do mesmo xeito esa realidade, o que claramente influenciará o pensamento do receptor creando unha visión negativa.

En moitos outros casos, non é o goberno que incita a escribir de xeito negativo sobre a realidade catalá, pode darse o caso de que o propio redactor, seguindo a súa ideoloxía, aproveite para dar a súa opinión do tema de xeito sutil, sen saír da aparente obxectividade; pero estará opinando, non informando como é o seu deber.

No mundo da comunicación non imos saber nunca canto hai de certo nunha información que se nos transmite, todos buscamos os nosos intereses e o noso maior beneficio, aínda que sexa a costa de falsificar ou manipular a información. Pero o peor parado sempre vai ser o receptor, que precisa dos medios de comunicación, do labor dos xornalistas para coñecer a verdade e a partir dela formar a súa propia opinión con sentido crítico; pola contra, recibirá opinións, non información e creará falsas realidades e puntos de vista alleos moitas veces á verdade.

Non sabemos cando rematará todo o tema de Cataluña nin como se solucionará todo ao final, pero unha cousa está clara, os independentistas son os “malos” da película e sempre van saír mal parados a ollos do receptor.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.