Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Falar por falar (por Rebeca Ríos)

O pasado venres, no auditorio de Rianxo, non só se representou unha obra de teatro. Representouse a vida, a vida dun ente. Un ente que todos temos presente cada día, un ente que nós precisamos para vivir, pero que tamén precisa da nosa axuda: a lingua galega.

Só dous actores e unha hora e media chegaron para resumirnos a súa vida, a súa historia, e como bos galegos que son Carlos Santiago e Pepe Penabade, sempre dende a retranca.

A representación levounos dende os celtas, pasando polas cantigas, ata a substitución nobiliaria dos reis católicos. E, finalmente, leváronnos á cidade da cultura na actualidade; onde, dende o humor, buscaron un uso para esa edificación, chegando á conclusión de que farían un restaurante, e que debido á súa falta de clientela chamarían a Chicote. A este cociñeiro explícanlle que o único prato que teñen é lingua, lingua que na fonte tería “complementos”, como pode ser o seseo e a gheada. Eu interpreteino como se o que realmente quixeran facer coa cidade da cultura fora un lugar onde se prestixie a lingua galega en todas as súas variantes e onde todos poidamos nutrirnos con ela.

En conclusión, unha obra moi entretida, perfecta para enriquecerse culturalmente á vez que botas unhas risas. Ademais, teño que destacar a boa actuación dos actores, manténdonos sempre cun sorriso na cara e sabendo como levar, só entre os dous, un texto tan rico e amplo. Con catro cousas e moita retranca, mantivéronnos cos ollos ben abertos case dúas horas. Así foi que ao rematar, acollémolos cun gran aplauso que parecía que nunca ía rematar, cun futuro incerto, como o da lingua da que eles tanto falaron en “Falar por falar”.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.