Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
“Rafael Dieste. O libre pensamento” de Luís Rei Núñez (por Paloma Sobradelo)

O venres 11 de outubro asistín á presentación do libro “Rafael Dieste. O libro pensamento” de Luís Rei Núñez. Este libro conta a vida apaixonante dun dos escritores máis importantes da cultura galega.

    A presentación tivo lugar na casa de Rafael Dieste, en Rianxo, ás 20:30 horas. Comezou facendo unha pequena introdución o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, comentando que a casa na que estabamos aínda se atopaba en obras e que somos afortunados por poder visitala. Logo desta introdución por parte de Adolfo Muíños, tivo a oportunidade de falar Amparo Cereixo, profesora de Lingua Galega e Literatura no IES Félix Muriel, quen destacou, entre outras moitas cousas, que Rianxo é unha vila chea de cultura xa que nela residiron tres dos personaxes máis destacados da historia de Galiza: Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio. Xosé Ricardo Losada, profesor de Filosofía, entre outras materias, no IES Félix Muriel, rematou a introdución citando aspectos esenciais da vida de Rafael Dieste. Finalmente, Luís Rei Núñez, escritor do libro, contounos o que supuxo escribir esta biografía e a razón pola cal decidiu escribila arredor de Rafael Dieste. Tamén contou que coñeceu ao mesmo Rafael nos seus últimos anos de vida e que visitou a súa casa.

                 Luís Rei Núñez é escritor, xornalista e político galego. Comezou a súa carreira literaria en 1982 con “Para matar ao tempo”. Ademais foi Xefe da sección de Cultura da TVG e nas eleccións municipais de 2015 foi o cabeza de lista por Marea Pontevedra, e foi elixido concelleiro. Escribiu poesía, narrativa, ensaio, literatura infanto-xuvenil, traducións, entrevistas e obras colectivas.

Dende o meu punto de vista, a presentación desta obra foi interesante e tamén é emocionante poder recordar a personaxes tan ilustres como neste caso foi Rafael Dieste, que loitou xunto con outros escritores da época para que nós hoxe poidamos falar galego. Aprendín cousas que me fixeron estar aínda máis orgullosa do lugar onde vivo e recordei outras que estudei ao longo destes anos no instituto. Finalmente, recomendaría esta obra, a pesar de que eu aínda non tiven a sorte de poder lela, xa que sería interesante saber un pouco máis sobre a vida de Rafael Dieste.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.