Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura
Luís Rei Núñez, Rafael Dieste e o libre pensamento (por Raúl Rey)

O venres 11 de outubro presentouse en Rianxo a obra “Rafael Dieste O libre pensamento” por  Luís Rei Núñez, quen se atopaba acompañado do alcalde de Rianxo Adolfo Muíños e dos docentes Xosé Ricardo Losada e Amparo Cereixo. Curiosamente, dita presentación tivo lugar na casa de Dieste, mesmo lugar no que morreu en 1981 caendo polas escaleiras.

Segundo dixo Luís, Rafael Dieste caracterizábase por ter unha personalidade extremadamente forte. El mesmo se consideraba nihilista e procuraba o amor e  ben común. Tamén era tremendamente reflexivo e gustaba do extraordinario sendo sempre totalmente fiel aos seus pensamentos. Ademais, o que en certa medida  lle axudou a ter un coñecemento máis amplo a nivel global foi servir na guerra de Marrocos, iso si, obrigado, a pesar de que a súa familia tivese pagado un tributo. Esta experiencia reflectiuse na súa literatura.

Algunhas das súas obras son A fiestra valdeira (dramaturxia galega) , Negra Sombra (realismo e fantasía), Dos arquivos do trasno (realismo e fantasía) ou Historias e invencións de Félix Muriel. Esta última obra foi creada ca axuda de Luís Seoane e está escrita en castelán. É por esta razón que Luís o clasificaba como un autor “europeo”.

A obra O libre pensamento resalta pola fluidez, tenrura e bo narrado. E aínda que coñecer a biografía dun artista nos faga parecer cotillas, simplemente estamos atendendo a nosa cultura pasada que nos caracteriza como galegos e, sobre todo, rianxeiros. Comenta o seu autor que o escribiu para dar claves da súa forma de situarse en fronteiras. O libro non contén imaxes para así poder comprender e empatizar totalmente coa personalidade de Dieste. É preciso explicar que a súa obra esta enfocada en falar del como escritor galego, non español.

Se procurásemos describir a Dieste cunha frase, tería que ser unha procedente da súa muller (quen non saíu do seu carón agás nos anos de exilio) : “Rafael, grazas a ti abrín a boca e non a volvín a pechar”. Porque iso era Rafael, un home que mantivo os seus pensamentos, fiel ao bando republicano nun momento no que era realmente difícil manter publicamente a propia ideoloxía.

O acto rematou cunhas palabras de Luís dicindo que todos deberíamos aprender de Dieste, coñecer a súa obra completa  e situarnos nas fronteiras dos xéneros e dos idiomas coma el facía, de aí que se poida considerar unha persoa moi biografiable.

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.