Imaxe de cabeceira
Varia
Un gústame para cambiar o mundo? (por Ismael Boga)

Atopámonos nunha sociedade con grandes avances tecnolóxicos, que ten na súa man un gran abano de posibilidades grazas ás novas tecnoloxías, pero podemos cambiar o mundo dende a casa con só dar un “gústame” nas redes sociais? Pois todo parece que si, e cada vez é unha actividade máis común para que as organizacións consigan maior difusión e doazóns.

Un dos últimos éxitos en redes deuse fai uns meses coa publicación en Instagram da foto dun ovo, co cal se pretendía romper o récord de maior números de “gústame” nunha foto, que por aquel entonces era de 18 millóns de gústame. Conseguírono? Pois case triplicaron o antigo récord, obtendo 53 millóns de gústame. Deu a volta ao mundo, e ata tivo un espazo publicitario na emisión da Super Bowl. Isto levou a moitas contas de Instagram a intentar imitar o sucedido coa imaxe do ovo, pero sen conseguir resultados virais, ata fai pouco.

Fai pouco máis de dúas semanas, fíxose viral unha imaxe na cal se amosaba unha pequena árbore coa  mensaxe “Double tap to plant a tree” (dobre clic para plantar unha árbore), e un vídeo que nos informaba de que cada minuto son cortadas máis de 28.000 árbores en todo o mundo. A mensaxe estaba clara: por cada cinco millóns de gústame plantarían 500.000 árbores. Pero quen está detrás desta páxina de Instagram? Trátase dunha compañía chamada Tentree, que loita polo medio ambiente e contra o cambio climático, tendo plantados máis de 30 millóns de árbores arredor de todo o globo. Ademais, contan cunha tenda online de roupa, e por cada venda plantan 10 árbores, que máis se pode pedir?

A imaxe de Tentree non tivo a repercusión que tivo o actual récord de Instagram, e tendo en conta os motivos da súa publicación, é un pouco lamentable o escaso apoio que está recibindo en comparación ao ovo. Certo é que os creadores deste ovo, cando este pasou dos gústame previstos, revelaron que a conta en si era un exemplo do dano que fan as redes sociais na saúde mental, revelando que un de cada cinco estadounidenses viven con afectacións mentais, moitas veces a causa dar redes sociais; mais ata chegar aos 52.000.000 de gústame ninguén sabía que estaba apoiando á causa. Outro gran exemplo atópase nunha das últimas fotos subidas na conta de Unicef da India, na cal anunciaron que por cada gústame recibirían a doazón dun dólar da Gates Foundation, ata un máximo dun millón de dólares nun prazo dunha semana. A imaxe chegou malamente ao millón de gústame, e actualmente atópase con 4.000.000, unha cifra máis ben baixa para o obxectivo do que se trataba. As persoas poden axudar directamente na plantación de árbores e na saúde dos nenos indios, mais parece que costa máis actuar nunha causa social que por mera diversión.

Moitos de nós sempre nos queixamos de non poder actuar ou axudar ao medio ambiente de forma directa, máis cando o único que temos que facer é dar dúas veces co dedo na imaxe dunha árbore, a maioría das veces non se lle da importancia, non o difundimos o suficiente ou non o facemos, directamente. A foto de Tentree acumula actualmente máis de 15.000.000 de gústame en case vinte días, unha cifra que no seu momento a imaxe do ovo pasara en menos de dez horas. Temos o futuro nas nosas mans, grazas á tecnoloxía, pero á hora da verdade non o aproveitamos.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.