Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Privacidade na rede (por Gloria Mirón)

A privacidade é considerada como un dereito fundamental nunha sociedade democrática. Pero, pode existir a privacidade nun mundo dixital no que cada acción deixa rastro? Cando Mark Zuckerberg, fundador de Facebook, advertiu nun entrevista en 2010 de que a privacidade morrera, acusárono de esaxerado. Hoxe, nove anos despois, podemos asegurar que esa afirmación é máis que certa, é unha realidade que nós mesmos axudamos a crear.

“Por que unha aplicación que serve para que o meu fillo pinte, pídeme permiso para saber a miña xeolocalización e o acceso á axenda de contactos?”, pregúntase Josep Cañabate Pérez, profesor de Dereito da Universidade Autónoma de Barcelona. Desde o primeiro momento no que aceptamos as condicións de uso dunha aplicación, estamos deixando que esa empresa obteña información privada nosa que será enviada e almacenada nun servidor específico para cada usuario. As empresas afirman traballar baixo a legalidade, xa que é o propio usuario quen acepta que eses datos sexan almacenados. Pero quen realmente leu algunha vez esas condicións? E se alguén as lera, son perfectamente entendibles por todas as persoas? A base da privacidade é o consentimento informado, se non se emprega unha linguaxe clara e concisa, podería alegarse que é un caso como o das preferentes: o usuario autoriza algo sen saber as consecuencias.

Estes datos son vendidos posteriormente a empresas que os utilizan para, segundo estas, mellorar a experiencia dos usuarios ao ofrecerlle información que se axuste ás súas preferencias. Un caso moi claro é Facebook, que co paso do tempo vai ofrecendo aos usuarios só as publicacións que eles cren que lle vai interesar. Isto tamén se extrapola á publicidade na rede. Quen nunca se sorprendeu de que tras mirar na web dunha tenda, apareceran anuncios da mesma noutra? Os nosos datos son almacenados e vendidos constantemente para, coñecendo os nosos gustos, nos publiciten só as cousas que eles cren que compraremos. O resultado é en principio unha publicidade mais personalizada. De feito, os propios encargados dos nosos datos, así como Facebook ou Google, aseguran que o gran beneficiado é o propio usuario, xa que solo recibe a publicidade que se axuste aos seus intereses.

Estes datos instálanse en servidores en países onde as leis de protección de datos ou de privacidade son mais permisivas, como Estados Unidos ou China. Isto fai que aínda que en España sexa ilegal esta práctica, no momento no que os nosos datos saen das fronteiras xa non se poida facer nada. Conversacións de WhatsApp e de gmail, publicacións colgadas na rede, música que escoitas, famosos aos que segues, búsquedas en Google,… todo é utilizado para crear esta base de datos de cada usuario que traspasa as fronteiras e supera ás leis. Os usuarios non son conscientes en ningún momento desta práctica, nin de que os seus datos xeran fortunas ás grandes operadoras.

Como acabamos de ver, a privacidade na rede non existe. As empresas informáticas gañan fortunas vendendo os nosos datos persoais co pretexto de mellorar a nosa experiencia na rede. Estamos nun momento no que a rede sabe mellor ca nós quen somos e o que nos gusta, mesmo antes de plantexarnos que algo así podería chegar a estar nos nosos gustos. Como non vai cambiar a noción de privacidade neste mundo dixital?




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.