I
In-consonte
Florecer e morte.
Esperanza e dor.
Preferencia da loita
ante o vagar só.
Encadeados por non ser elos
os defensores da lóxica e o corazón;
Carcereiros de impulso visceral
defensores da lei creada pola propia razón.
Triunfar das masas de escravos
facendo vasalo ao señor
Non falo da revolución do pobo,
falo da súa propia traizón.
Vitoria das ánimas escravas,
cuxo poder é igualador.
Esquecede o florecer dos xenios!
Esquecede a morte!
Pois, hoxe, matámonos NÓS.
II
Vagafume
“Conspicua Terra de loas e gabanzas.
Irredenta e insubmisa,
a súa bandeira azul e branca.
Insigne, ínclita,
a súa egrexia terra santa.
Ilustres labaradas,
alumean do seu pobo o camiñar.
Nai, preclara, dende a escuridade
ata o orgullo nacional.
Transcendentais castros,
lexionarios
e Reis Suevos.
Inmanentes estandartes no ronsel do seo.”
Recorda tempos pasados
cun eximio cantar nos beizos.
Teme augurar o futuro,
treme ao respirar fume no vento…
Ouve nunha locomotora todos os seus pesadelos,
respira un feble fío de fume branco, somerxido no ceo…
Fío que tece os mares co vento,
fío, fío do fume, fume do tempo.
Entre a néboa das montañas,
atenta o vagón descoñecido,
atenta mais segue vagando
polos seus lares amigos.
III
Soño pendurado no tempo
Entre as danzas muiñeiras
e as loas ao folclore
canta (berra), unha gaiteira
rememorando a súa historia:
“Saen de arriba, de entre os castros,
para gañar a dignidade,
para ter de seu o dereito ao ser e mais ao estare.”
Cantaruxa a gaiteiriña
E berra (máis), para facerse escoitar:
“Casaron ao berce coa lexión no bicar,
a máis bela lingua no máis fermoso lar.”
A gaiteira, animosa, convidounos a bailar
E así danzamos todos,
no ronsel do seu cantar:
“A Suevia, reina e nai,
do pobo cantareiro.
A Suevia! Dona e estandarte
do pobo guerreiro.”
Dese xeito voou a tarde,
entre o folclore e o recordo.
E caeu a noite
amosándonos só o ceo negro
e o fume branco.
…Que fume vería a Suevia?
E os intrusos lexionarios?
Fume provinte de fachos para alumear as vereas?
Ou das chamaradas das máis animosas fogueiras?…
…Fume branco entre as vereas
fume branco das fogueiras
fume, fume dos lares
fume das fábricas
dos automóbeis
fume da xeira
(que coma un fío branco conecta os tempos,
que, por medo ao lume,
zoa co vento)
Fume branco, fume da carraxe
fume tóxico, fuxe coa néboa…
E dese xeito, seguina a mirar:
fermosa ou doente,
acompañada ou soa,
dependendo do tempo e do lugar.
Vina dende as fumaradas dos incendios de Castela,
vina dende as chamaradas das queimas irmandiñas.
Vina, e vina sempre ardendo
e agradecendo todo ao mar
Que por medo a tanto lume,
por el tivo que escapar.
Que diría a Suevia se soubera que a súa filla ía marchar?
Que dirían nos castros se a Arxentina tiveran que emigrar?
Mais, cando aquí vivía,
sempre estaba a versar ela…
Danzaba no esplendor
Vivía en cada cantarela.
Mais, aínda que fermosa
tamén sabía loitar
Contra guerras, contra reis,
contra caciques no seu lar.
E, despois de tanto lume,
seguía resplandecendo no ar
“Na fronte unha estrela,
e no bico un cantar”.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]