Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas
Conxélame (relato filosófico de Lía Figueiras)

Minotauros, pai e nai, observan como o seu fillo xoga na area. O rostro da nai conxélase, mira ao pai, e di ‘Quen lle vai explicar agora que somos un mito.”

Relato filosófico adaptado.

  E escribo, e escribo isto coas bágoas esvarando polo meu peito, berrando ao temón de tinta que teño entre as costelas por non saber marcar o rumbo, por non impedir que chocara contra o maior dos icebergs, o xeo que non é xeo, a cristalización tépeda da auga, o desconxelamento da fantasía, do mito, da ilusión! Facendo augas en realidade.

Colisionar coa auga, coa realidade que me rodea, que me afunde e que me esmaga. Unha colisión coa infinitude do océano morno de verán. Unha colisión que a ollos do mundo é invisible, non existe, non é posíbel.

Xeo, volve! Consúmeme! Conxela a miña mente! Pon orballo nos meus ollos e folerpas que me fagan cóxegas no ventre!

Como? Como ía ser posíbel chocar coa auga? Mentres me mira, mentres se ri de min, mentres me afoga? Xa a imaxino, queda, en calma, mirándome mentres sente pena entre gargalladas, dicíndome que debín decatarme antes, chamándome parva, insinuando que son unha nena, unha nena moi nena para navegar de verdade, unha nena moi nena que só cre en lendas de piratas e monstros mariños, unha nena moi nena que ve no seu reflexo unha serea, unha nena moi nena, moi nena, moi nena. Tan nena que facía un bambán da varanda do barco e un lenzo da vela! Tanto que crin ao cheirume salgado cando me dicía que pechara os ollos para escoitalo.

Mais agora, escribo, e escribo cos beizos mollados na suor do mar, escribo sobre o devalar das mareas, atravesando o mundo sen cambiar de posición, deixando versos de carraxe no seu ronsel por espertarme dos mellor dos soños, por perturbar a miña alma mentres “facía o vivo”, máis mergullada que nunca, por non deixar que vira o iceberg que me destruiu, o iceberg máis grande de todos, o iceberg derretido que sempre me rodeara, a realidade.

Por iso agora choro lágrimas salgadas, porque quero volver ser unha nena moi nena, moi nena, mo nena.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.