Imaxe de cabeceira
Varia
Os drons, unha ameaza en potencia? (por Sara Tubío Rial)

Millóns de anos loitando pola supervivencia humana, para rematar creando obxectos que destrúen os membros da nosa mesma especia sen remorsos. Máquinas capaces de privarnos do noso dereito fundamental, o dereito á vida, iso si, cun bo fin. Pero, é ouro todo o que reloce?

A tecnoloxía avanza, e con ela cada día atópanse novos equipos e materiais para facilitar todo tipo de labores. Dende hai varias décadas, existen os drons, uns “robots” capaces de voar durante horas a centos de metros sobre o chan. Cada vez a ciencia permite que realicen máis labores, desde o ocio ata labores de rescate transportando persoas, e mesmo son empregados no ámbito militar. Así é, actualmente, os exércitos de distintos países empregan drons para levar a cabo labores de recoñecemento e mesmo a deposición de artefactos explosivos. Ao principio só levaban a cabo labores de recoñecemento, pero actualmente, en moitos países xa non existen intermediarios entre a máquina e a vítima, e estes encárganse de localizar o inimigo (cuxa cara foi previamente inserida na súa base de datos) e compren a súa obriga de destruílo, sen compaixón nin sentimentos, pois, ao fin e ao cabo, son máquinas non persoas. Isto lévame a pensar, ata que punto está ben que sexan as máquinas quen tomen este tipo de decisión?, resulta ético que sexa unha máquina quen arrebate unha vida?, e o máis importante, que acontece coas vítimas colaterais? Na miña opinión, este é un tema moi complexo e sensible, ao que pórlle solución non resulta doado.

Co desenvolvemento da tecnoloxía, o tema da posible revolución das máquinas contra os seres humanos está presente. Se ben é certo que aínda non chegou o día que iso aconteza (se é que acontece) resulta irónico que sexan os humanos, neste caso os militares, quen as programen dun xeito específico outorgándolles o poder de quitar unha vida sen consultar previamente a alguén humano. Localizar obxectivo e destruír. Resulta claramente irónico e mesmo pouco ético que esteamos propiciando que aconteza aquilo que todos tememos.

Se ben é certo que non resulta moi ético que unha máquina quite unha vida humana, é o máis racional. Premer o “botón da morte”, o interruptor que activa o lanzamento dun mísil ou unha bomba para destruír ao teu inimigo non pode resultar doado nin sendo un militar perfectamente adestrado. A excepción dos asasinos e psicópatas, as persoas non están programadas para destruír a organismos da súa mesmas especie sen remorsos nin compaixón. Nese sentido creo que empregar máquinas axuda. Ao fin e ao cabo non teñen sentimentos nin terán traumas posteriores. Levarán a cabo o seu traballo sen dubidar nin un só segundo. E iso, en situación onde un terrorista pode fuxir en cuestión de segundos pode resultar determinante.

Por outra banda, esta falta de compaixón non é exclusivamente positiva, todo o contrario, causa vítimas colaterais que ao mellor podían ser salvadas. Un dron está programado para realizar a súa misión da forma máis eficaz posible, se debe matar a un asasino pero este está rodeado de civís, analizará todas as posibilidades e levará a cabo a que sexa estatisticamente máis axeitada, resultando ao mellor a non eticamente correcta. Se o encargado de tomar esa decisión fose unha persoa ao mellor non premería o botón e esperaría a evacuar ás persoas inocentes, iso si, correndo o risco de perder ao obxectivo da misión. Compensa perder ao obxectivo e intentar salvar vidas inocentes? Ao mellor se os militares esperan para salvar civís, o terrorista escapa e leva a cabo un atentado da magnitude do das torres xemelgas do 11 de setembro do 2001.

En conclusión, cada vez as máquinas posúen máis autonomía, concretamente existen drons militares programados para matar sen titubear ante os seus obxectivos. Desde sempre existiu o dilema das vítimas colaterais, pero ata o de agora unha máquina non era quen de decidir. O fundamental son as vidas humanas e, para min, o emprego de drons autosuficientes será correcto sempre que o obxectivo principal sexa salvagardar o maior número posíbel de persoas.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.