Imaxe de cabeceira
Varia
O amor imposto (por Ismael Boga)

As relacións sentimentais nos tempos que corren pouco ou nada teñen que ver a cómo eran fai un século, xa que por sorte, tanto a sociedade como a maneira de ver o amor, evolucionaron.

Antigamente o amor, en gran parte dos casos, era finxido. Os mozos casaban en matrimonios de conveniencia, nos cales os que saían gañando eran os pais. O papel da muller na relación limitábase a ser o da criada, a que limpaba, a que facía de comer, a que criaba aos fillos, a que compracía o seu marido… mentres este traballaba ou pasaba o tempo. Durante a maior parte do século XX tanto en medios de comunicación como en música ou cine consolidouse a idea do amor romántico, cheo de mitos que non tardaron en gañar opositores.

Co paso das décadas, estas ideas comezaron a cambiar, por sorte. A partir dos anos 60 popularizouse o movemento Hippie, que dende os Estados Unidos defendía entre outras moitas cousas, a revolución sexual. Este movemento brindou apoio á loita pola igualdade de xéneros, de razas e da aceptación da homosexualidade. Desta maneira, as relacións amorosas apartáronse do tradicional e politicamente correcto daquela época. Estas ideas transmitíronse por todo o mundo co paso dos anos, aínda que nos medios de comunicación seguía habendo un certo rexeitamento ao que non era tradicional, e un gran exemplo foron películas como A Bela Durminte,ou A Bela e a Besta, onde mulleres débiles esperaban a que o seu salvador as rescatase, ou eran secuestradas por seres dos que acababan namorándose, comercializándose así o amor romántico.

Por sorte, as novas xeracións teñen diferentes formas de pensar e saben que non todo vale. Inténtasenos vender que os celos son sinal de amor e non de posesión; que o amor todo o pode… Cabe destacar o mito do prototipo de parella que se nos impón nos medios: a maior das parellas que saen na televisión son unha parella hetero, branca, con tres fillos e felizmente casados, mais a realidade é moi diferente. A diversidade na parella pode ser infinita, poden ter fillos ou non, non hai necesidade de matrimonio… algo poucas veces visible na televisión, que cando opta pola diversidade, esta está chea de estereotipos.

Aínda que vivimos no século das liberdades (ou iso nos queren facer pensar), séguesenos impoñendo de forma indirecta un tipo de amor que pouco ou nada se adapta coa realidade, polo que non debemos deixar que as ideas emitidas nos medios de comunicación nos afecten, para poder ver con claridade e con criterio propio.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.