Dende fai un tempo, ninguén na industria do cine pasa desapercibido. En outubro de 2017 comezou a polémica arredor de Harvey Weinstein, un dos máis aclamados produtores de Hollywood, logo de ser denunciado por máis de cen casos de acoso sexual, dezaoito dos cales tratábanse de violación. As consecuencias foron instantáneas: Harvey perdeu o seu lugar en Hollywood e foi desprezado por toda a opinión pública.
Pendente dunha sentenza, o caso Weinstein non quedou aí. No mesmo momento no que as denuncias saíron á luz, as redes sociais xa estaban dando de si. Non tardou en facerse tendencia mundial o hashtag #MeToo, difundido por numerosas celebridades para animar ás vítimas de abusos sexuais a contar as súas experiencias para concienciar de que non é ouro todo o que reluce na industria nin fóra de esta. O uso do hashtag foi inmenso, miles de mulleres contaron a súa experiencia, moitas delas vítimas de abusos no pasado, e outras moitas, mostraron o seu apoio á causa.
A pesar das boas intencións, apareceron persoas que non entendían o porqué deste movemento. Moita xente comezou a dicir que se estaban confundindo os delitos maiores cos menores, e que a través deste movemento as mulleres mostraban as súas debilidades e o seu mal manexo das situacións, pero acaso non é de valentes falar dos abusos silenciados polo medo? Algunha das persoas contrarias a este movemento é a actriz Catherine Deneuve que, acompañada por cen actrices francesas, asinou unha carta advertindo dos perigos deste movemento. Nela denunciaba que a partir do caso Weinstein houbo numerosos casos de despedimento por actitudes por parte de homes a mulleres que ían máis alá do cordial, pero sen chegar nin de lonxe ao abuso. A carta remataba dicindo que o movemento Me Too infundía odio aos homes e á sexualidade.
O que o movemento busca é a visibilidade dos casos de acoso sexual, busca un apoio común, un apoio entre homes e mulleres que queiran loitar por romper as barreiras e obter unha sociedade máis xusta para ambos. Numerosos casos de abusos seguirían estando ocultos se non fose polo gran apoio internacional que recibiu o movemento por parte da opinión pública e dos medios de comunicación. Actualmente Woody Allen atópase no punto de mira logo de ser denunciado publicamente pola súa filla Dylan Farrow, quen alegou nun discurso cheo de bágoas que seu pai abusara dela con apenas seis anos. Sería quen de denunciar a un home tan poderoso coma seu pai sen o gran apoio e visibilidade do movemento Me Too? O seu caso sairía á luz nuns cantos anos, probablemente cando o seu pai xa estivese criando malvas e non puidese afrontar as consecuencias dos seus actos.
En calquera caso, o movemento Me Too foi unha das cousas máis positivas que lle pasou ao feminismo nos últimos anos, un movemento que lle deu a forza necesaria ás vítimas de acoso por parte ou non dos poderosos para contar a súa verdade, a verdade. Grazas a isto, moitas mulleres volveron a sentirse seguras, sabendo que os que abusaron delas estaban sendo repudiados publicamente e que recibirían un castigo en calquera momento moi próximo.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]