Imaxe de cabeceira
Varia
Esta xuventude (por Irene Fernández)

A crítica aos xoves non é nada novo, de feito Sócrates xa dicía que os xoves hoxe en día son uns tiranos. Contradín aos seus pais, devoran a súa comida e fáltanlles ao respecto aos seus mestres. Esa cita foi pronunciada moitos séculos atrás, pero é aplicable á nosa sociedade actual, xa que os xoves son xulgados continuamente polas súas accións, cuestionados e aplaudidos a partes iguais.

A anterior cita socrática podería ser artellada por calquera adulto dos nosos días. Quen non ten escoitado ao seu avó dicir que os xoves xa non son o que eran? A miña bisavoa sempre repetía que a música que eu escoitaba era ruído, que os xoves estabamos revolucionados, que a roupa que levabamos era digna dun circo, que nos ían a explotar os ollos por mirar a unha pantalla… Todo isto é produto da coñecida fenda xeracional, que provoca que os nosos devanceiros non teñan os mesmos coñecementos sobre a sociedade actual ca os que temos nós. Tamén é importante o vivir experiencias: co paso do tempo un vólvese máis sabio, o que produce que este critique todo aquilo que non considere correcto segundo as súas experiencias.

Moitos foron os escritores que teñen loado ou feito mención nas súas obras á xuventude, como é o caso de Miguel Hernández e o seu poema Llamo a la juventud (Chamo á xuventude, en galego), pertencente á súa obra Vientos del pueblo: la juventud siempre empuja / la juventud siempre vence, / y la salvación de España / de su juventud depende (en galego: a xuventude sempre empuxa / a xuventude sempre vence, / e a salvación de España / da súa xuventude depende). Neste poema, o poeta facía un chamamento á xuventude para salvar o país. Quizais confiaba nela porque el viviuna de pleno, cos seus ideais, e sacrificouna por ser fiel ao que sentía.

A confianza de Miguel Hernández nos xoves non era infundada, proba disto é o feito de que a mocidade foi a principal protagonista dos movementos sociais da historia: dende o Maio do 68, pasando pola Revolución dos Caraveis portuguesa, ata o 15 M de Madrid.

Alguén debería terlle contestado a Sócrates, e ese alguén debería ter sido John Wooden: a xente xove necesita modelos, non críticos. Os xoves estamos fartos de ser criticados, os adultos deberían inspirarnos, non xulgarnos.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.