Imaxe de cabeceira
Varia
Unha terrible decisión (por Aldara Fernández)

Elixir o noso futuro é unha das decisións máis importantes da nosa vida. Para algúns resulta doado; para outros, non tanto. Depende das nosas aspiracións, das influencias que recibamos na infancia ou incluso da situación económica do lugar onde habitemos.

Cando somos cativos, soñamos con ser astronautas, bombeiros, detectives… Cos anos, as nosas aspiracións redúcense a profesións máis comúns: limitamos as nosas posibilidades. Para as novas xeracións, espérase un futuro profesional pésimo. Polo tanto, tendemos a buscar saídas, desprendéndonos dos soños e, por desgraza, tamén dos nosos intereses persoais en relación aos gustos de cada quen. Onde quedan as ilusións inocentes do neno que levamos dentro? Madurar e ter os pés na terra non implica oprimir os nosos desexos co paso do tempo.

Durante a etapa escolar, obrígannos a escoller entre distintas ramas de estudo, sen ter experimentado cal é a adecuada para as nosas capacidades e ambicións. Dende o meu punto de vista, aínda se é moi novo para determinar parte do camiño da vida. De todos modos, cada día é máis necesario ter coñecemento de distintas especialidades: xa non basta con ser de ciencias ou de letras, posto que o futuro está diluíndo a liña divisoria entre as principais disciplinas e iso presiona aínda máis ás próximas xeracións.

Ademais, hai que ter en conta o apoio no ámbito familiar. En ocasións, obrígaselles aos nenos a continuar cun negocio xeracional ou simplemente a estudar un grao universitario, perdendo de vista outras saídas para formarse adecuadamente: ben comezando a traballar, estudando un ciclo, marchando ao estranxeiro para aprender unha nova lingua… Todo isto vén dado por prexuízos cara a certas profesións e por un prestixio outorgado a outras, como as relacionadas ca medicina ou co dereito.

A decisión de cada persoa depende de moitos factores e a ausencia de liberdade á hora de tomala é unha das razóns polas que existe o fracaso escolar ou o abandono de estudos superiores. O futuro non está decidido e debemos loitar polo que realmente nos fai felices e non só polas supostas saídas profesionais, por influencia da familia ou por medo ao fracaso.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.