O ser humano, leva coleccionando animais dende as antigas civilizacións, cando emperadores e reis tíñanos para o seu propio entretemento. Foi en Viena, Austria, onde se inaugurou o primeiro zoolóxico en 1752. Dende entón, convertéronse nun lugar habitual de visita nas cidades. A necesidade ou non da existencia destes lugares leva xerando debate dende fai décadas. Salvo o divertimento dos visitantes, eu non vexo ningunha necesidade real para que estas institucións sigan funcionando.
Un dos argumentos máis repetidos a favor da permanencia destas instalacións é que serven para mostrar aos visitantes a enorme diversidade de especies animais que hai no mundo e así ver aquelas que na vida real nunca poderían facelo, concienciando á xente da importancia da conservación das especies. No mundo globalizado no que vivimos, coñecedores dos problemas ambientais que estamos creando e da imparable extinción dos animais, vexo pouco razoable e ético seguir mantendo estes cárceres animais só para o desfrute da sociedade. Grazas á rede, todas as especies do mundo poden ser coñecidas sen necesidade de encerralas en recintos para observalas.
As malas condicións de vida que moitos animais padecen neses lugares, unidas á perda de liberdade, parecen sinalar que os responsables de zoos e acuarios se preocupan máis polas ganancias que estes animais lles brindan que polo benestar animal. Nestes cárceres, perden o dereito a ser seres vivos con dereitos e pasan a ser a fonte de ingresos para os empresarios. Os animais móstranse como exhibicións a modo de obxectos inertes, que poden facer rir ou temer aos nenos. A falta de liberdade que sofren causa en moitos deles problemas como cambios de humor e depresión, chegando a casos máis graves nos que teñen que ser sacrificados.
Algúns zoolóxicos cumpren medidas de rehabilitación de animais maltratados ou feridos e de reinserción no ecosistema salvaxe. Estas medidas pasan tamén por impulsar centros que cumpran parámetros de benestar animal, educación ambiental, conservación e investigación. O labor destes centros é importante e necesaria, pero seguen sendo un número moi pequeno dentro do conxunto de todos os zoos. Ultimamente, agudizado pola progresiva extinción de especies, algúns centros encárganse de reproducir estas especies que xa non o poden seguir facendo nun lugar seguro fóra. Un exemplo disto foron as pombas da Illa Socorro de México, que neste momento xa non existen na natureza pero si en tres zoos do mundo que teñen un programa especializado para a súa conservación.
A necesidade de facer desfrutar a nenos e adultos, non debería seguir mantendo abertos este tipo de centros, xa que a vida dos animais debería terse en conta así como o seu benestar. Que algúns fagan labores necesarios para a conservación de especies tampouco xustifica que todos os zoolóxicos e acuarios sigan funcionado. Os animais seguen vivindo en cautividade sen posibilidade de regresar nunca ao seu hábitat natural. Labores como a conservación ou a investigación son necesarias, si, pero estas poden realizarse doutro xeito, coidando o benestar dos animais.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]