Imaxe de cabeceira
Varia
Diñeiro e fama, sinónimos de poder? (por Sara Tubío Rial)

A sociedade capitalista na que a maioría dos países do mundo se atopan ten como piar fundamental o diñeiro e a fama. Como obxectivo fundamental o diñeiro e a fama. Como recompensa polo traballo, o diñeiro e a fama. Todo xira arredor dos cartos e o recoñecemento, e todos somos conscientes diso. Porén moitas persoas tratan o diñeiro, a fama e o poder como conceptos sinónimos; na miña opinión isto non é así, ou polo menos non debería selo.

Para min, o poder adquisitivo está (erroneamente) confundido con posuír a potestade de todo o que nos rodea. Ter diñeiro, fama, gran reputación, ser coñecido a nivel mundial … non é sinónimo de ter dereito sobre a vida doutras persoas. Crerse mellor que alguén por ser o seu xefe ou simplemente por ser máis famoso, pensar que poder “dirixir” a unha persoa na  empresa ou película significa que se ten control desta fóra dela,  resulta desacertado. Aínda así, acontece, e creo que o modelo económico baixo o que nos atopamos ten a culpa. Practicamente a cada momento, nalgún lugar do mundo, unha persoa está a usar o seu poder para extorsionar a outra; un xefe ao seu empregado, unha celebridade a un novo actor… pode ata parecer normal. Isto fai que as persoas teñan tan interiorizado o servir ao rico ou ao famoso que os abusos de poder queden xustificados baixo unha situación cotiá, cando non son máis que iso, abusos. Por exemplo, quen nunca soñou con ser un actor famoso ou director dunha millonaria empresa? probablemente moitas persoas nalgún momento das súas vidas o pensaron, entón, se a maioría da xente aspira a ser coma eles, que tipo de modelo ten a sociedade? Quero dicir, se o teu ídolo durante toda a vida maltrata a outra persoa xustificaralo por todos os medios posibles, facendo que esta situación chegue a “normalizarse”, despois de todo, é unha persoa exitosa e quen non quere ser así?

Compre salientar que non só as “persoas de a pé” sofren abusos de poder, senón que tamén os sofren ás persoas que críamos inmunes a eles: os famosos. Nin tan sequera eles, coas súas “idílicas vidas” son salvados. Resulta irónico. As persoas que abusan poden resultar á súa vez abusados. Sempre se cre que se es rico e famoso a vida é perfecta, como nunha película perfecta, con todo, moitas veces, os actores destas películas non teñen a vida que parece. E é que as violacións, a chantaxe dos directores ou simplemente os abusos de poder non son exclusivos da vida “normal”. Non importa se es rico e famoso, poderás sufrir abusos de practicamente do mesmo xeito por parte dos teus xefes, compañeiros, etc. Do mesmo xeito que non che dá dereitos sobre outras persoas, o recoñecemento non o che fai inmune. Resulta paradóxico.

En conclusión, o sistema capitalista onde vivimos fainos pensar dende que nacemos que o diñeiro e a fama son o obxectivo primordial para acadar unha vida plena e feliz, isto leva  a moitas persoas a confundiren diñeiro e fama con poder, e unha vez que o obteñen a abusar del. Pero isto non debería ser así, un dos maiores obxectivos do ser humano desde o principio dos tempos foi a liberdade, e non podemos permitir que as ideas materialistas dun sistema con deficiencias nos aloxen da realidade. Debemos ser conscientes deste feito e tentar nunca xustificar o abuso excesivo de poder para impedir que se converta nunha acción arraigada (aínda máis se cabe) na nosa sociedade. Desgraciadamente, si, actualmente diñeiro e fama son sinónimos de poder e todos somos vítimas, pero isto debe rematar.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.