Imaxe de cabeceira
Deportes
Ana Peleteiro no Land Rober (por Antía Caamaño)

As redes sociais teñen moita importancia hoxe en día. Poden facer que unha soa foto ou vídeo chegue a todo o mundo en minutos. Iso pasou cas palabras de Ana Peleteiro no programa Land Rober.

O pasado xoves 28 de marzo, Ana Peleteiro visitou o Land Rober, un programa emitido en directo na TVG. Ela é atleta, a actual campiona de Europa en pista cuberta, dende o pasado 3 de marzo.

Como consecuencia da súa vitoria, foi convidada ao programa. Alí falou un pouco sobre a súa experiencia persoal co galego, xa que marchara a Madrid e comezara a acomplexarse polo seu acento. As súas palabras reivindicativas sobre o emprego do galego foron moi aplaudidas pola maioría dos galegos e grazas ás redes sociais a súa mensaxe sobre a lingua foi moi difundida.

Para min, ten moita razón con todo o que dixo. Cando foi a Madrid era aínda unha rapaza e non tiña conciencia lingüística. O seu acento provocoulle complexos, pero cando foi madurando, foise dando conta de que non debe sentir vergoña por falar nunha lingua distinta, ou ter acento, todo o contrario. Ela deuse conta de que non ten por que cambiar o seu idioma, nin o seu acento, porque cambiaría tamén as súas raíces. E todo o mundo ten as súas propias raíces, pero algo que só algúns temos son raíces galegas. Gustoume moito a súa afirmación “españois hai moitos, pero galegos non hai tantos”.

Ana amosou moito orgullo por ser galega e de falar galego, feito do que moitos galegos senten vergoña. Na miña opinión, ese discurso fixo cambiar a forma de ver de moitos galegos, abríndolles os ollos a que o éxito non se consegue falando a mesma lingua que todos, conséguese sendo fiel ás raíces dun mesmo. Ana Peleteiro é unha muller xove que ten claras as súas raíces e unha conciencia lingüística, oxalá todas as persoas foran igual.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.