Imaxe de cabeceira
Varia
Amor (por Irene Fernández)

Brancaneves, Cincenta ou Aurora. Todas elas, aparte de ser princesas Disney, presentan nas súas historias unha característica común: un príncipe. Un príncipe que resucita a Brancaneves, un príncipe que salva a Cincenta da súa miserable vida ou un príncipe que esperta a Aurora do seu profundo soño. As súas historias representan a idea do amor perfecto e inalcanzable da sociedade de consumo.

Quen non escoitou algunha vez o dito de encontrar ao teu príncipe azul? Antes de profundar no tema, é necesario aclarar que este non existe (como dicía miña tía nun ton cómico, o príncipe azul son os pais). Non é o único produto da sociedade de consumo relacionado co achado do amor perfecto. Durante décadas, dende Grease ata High School Musical, a industria do cinema provocou que millóns de nenas quixeran encontrar ao seu Danny Zuko ou ao seu Troy Bolton, personaxes irreais, froito da imaxinación de Hollywood.

Este mito do amor perfecto funde as súas raíces no mito da media laranxa, exposto xa polo filósofo grego Platón no século V a. C., na súa obra O Banquete. Menos mal que voces como John Lennon intentaron, coas súas palabras, cambiar esta visión onírica sobre o amor na sociedade de consumo: non nos contaron que xa nacemos enteiros, que ninguén na nosa vida merece cargar nas costas a responsabilidade de completar o que nos falta.

Exemplificando isto cunha experiencia persoal, vexo necesario mostrar a miña indignación coas grandes cadeas de moda, en cuxos escaparates observo prendas con deseños das mesmas películas e series que venden a idea da media laranxa á que se opoñía Lennon. Esta idea do amor perfecto está tamén presente no mundo da música, e non só na sociedade actual, senón que durante moito tempo transmitiuse nelas esta perspectiva, incluíndo a idealización da figura da muller: cancións infantís que dicían a loura é fenomenal e a morena tampouco está mal. Tristemente, estas mensaxes seguen presentes en todos os estilos musicais, destacando o trap e o reggaeton.

Debemos analizar esta sociedade de consumo na que vivimos e tomar como referentes a Mérida, Elsa ou Vaiana. Todas elas, aparte de ser princesas Disney, presentan nas súas historias unha característica común: non necesitan ningún príncipe. Ningún príncipe que as resucite, que as salve dunha vida miserable ou que as esperte dun profundo soño.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.