Imaxe de cabeceira
Varia
A nosa educación (por Irene Fernández)

Atópome a menos dunha semana de rematar a miña educación non universitaria. Concretamente, a seis días de rematar unha etapa neste instituto. Foi un período no que medrei como alumna, pero, sobre todo, como persoa. Por iso, quero analizar a educación actual a través destes seis anos, tanto os aspectos positivos como negativos.

O primeiro que teño que dicir é que son unha afortunada. Todos nós. Podemos acceder a unha educación pública e “gratuíta”, mentres que noutras zonas do planeta non teñen a mesma sorte. Pero como é esta educación? Podería ser mellor. Dende primaria, prepárannos para levar a cabo unha tarefa memorística, non nos ensinan a aprender a aprender. Todos nós coñecemos o exercicio de chapatoria do que somos escravos dende os nosos primeiros anos de educación. Por iso os resultados das últimas –e numerosas- leis de educación son tan desastrosas: entra un goberno de esquerdas e cambia a lei, é escollido un goberno de dereitas e cambia a lei… e así sucesivamente. Ou os políticos elaboran unha lei axeitada e de consenso, ou a educación española desembocará nun desastre aínda maior no que se trata de educarnos para ser escravos do traballo capitalista.

Sendo franca, e logo dos dous anos de bacharelato, cheguei á conclusión de que os anos da ESO non me serviron para nada ou para ben pouco. Sacar unha boas notas non me garantía nada, e digamos que tampouco aprendín demasiado. Ata o ano pasado, non me decatara da importancia das boas notas para conseguir unha media alta que me garanta entrar na carreira que quero, realmente, é unha cuestión que me produce pesadelos. Pero o máis importante foi que non me decatara do interese por aprender que si tiven estes anos.

Pero tamén foi unha etapa na que nos formamos como persoas, adquirindo perspectivas e visións que o noso eu de dez anos non chegaría nunca a entender, iso é o que significa madurar –aínda que algúns o fixeran en maior grao que outros-. Ademais, somos a xeración que viviu plenamente o auxe do feminismo, que chegou para quedarse; mentres que, por desgraza, tamén estamos a vivir o auxe do fascismo, mais esperemos que cunha educación adecuada, poidamos detelo.

Nestes dous últimos anos foi cando máis coñecementos adquirín e tamén o momento no que mellores profesores tiven. Por que? Porque nos ensinaron a ver a materia doutro xeito que na ESO e porque nos trataron dun xeito máis maduro. En Bacharelato foi o momento no que, por fin, puiden ver esa vocación da que tanto falan en certos docentes, e aínda que non o pareza, esa vocación chéganos. Quizais por iso, fose o momento no que máis aprendín, pola vitalidade e a alegría deses profesores por darnos clase e transmitirnos coñecementos, porque, ao fin e ao cabo, diso se trata.

Vou botar de menos todo o que deixo aquí: bonitas experiencias, tristes momentos, suspensos, aprobados, traballos, exposicións, exames, deberes… Pero sobre todo vou botar de menos aos meus compañeiros e compañeiras, por formar unha pequena -e curiosa- pero bonita familia, e aos profesores, porque, como xa dixen antes, creo que nunca atoparei xente tan xeitosa como eles.

Grazas e adeus!




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.