Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
O cambio climático (por Breixo Iglesias)

Cada vez é máis visible o aumento da temperatura en España. Fai anos as temperaturas en épocas de frío que temos agora eran impensables, temperaturas de case 20 graos no inverno é algo que non pode ser bo. Se seguimos así a temperatura en España en 2100 chegará a subir 10 graos. Pode que para algunhas persoas isto sexa algo bo xa que fai máis calor e non chove; pero isto, para o planeta e en xeral para as persoas, non é bo.

O causante disto é o cambio climático e toda a contaminación á que estamos a someter ao planeta , e oxalá os únicos problemas fosen que suba a temperatura uns graos. Hai que tomar cartas no asunto xa. E unha boa medida para comezar a reducir as emisións e unha das máis doadas se nos xuntamos, é exixir aos gobernos que tomen medidas para unha vida máis sostible, con iniciativas que están nas súas mans , como promover as enerxías renovables reducindo as taxas tan elevadas que se teñen que pagar para instalar placas solares nas propiedades particulares, ou regular medidas como un etiquetado correcto de produtos, ou fomentar o transporte público, ou xestionar correctamente o uso de residuos ao reciclar…

Non vale pensar que eu só non podo facer nada ou que se ocupen os demais , pois é un problema grave e hai que poñerlle solución, pode que cando isto se faga un problema insostible ningún de nós esteamos no planeta ou só nos queden uns anos de vida, pero os nosos fillos, os fillos dos nosos fillos, posiblemente si. Non hai que pensar só no momento e en nós mesmos, ou pensar que destas cousas se teñen que ocupar outros, porque así non imos facer nada. Se sempre ollaramos para outro lado, as mulleres seguirían sen poder votar ou non existirían os dereitos humanos.

Outra boa forma para reducir a contaminación sería tomar conciencia sobre a enerxía eléctrica que malgastamos. Deberíamos desenchufar os aparellos electrónicos que non estean en uso, pois seguen consumindo enerxía, por exemplo, non se debería deixar a televisión na función de ¨stand by¨, xa que segue consumindo enerxía. Tampouco deberiamos deixar as luces prendidas cando non as estamos usando ou, mellor aínda, usar luces de baixo consumo ou poñer un termóstato  para o calefactor, para así programalo para a hora na que nos vaiamos duchar, por exemplo, porque así non estaría funcionando todo o día.

O problema da contaminación en España e en todo o mundo é un problema moi grave ao que lle hai que poñer solucións xa. De non facelo, as consecuencias poden ser desastrosas: aumento elevado da temperatura, subida do nivel do mar, escaseza de auga que afectará a millóns de persoas, problemas de saúde que afectarán a unha porcentaxe elevada da poboación mundial…

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.