Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Menos tacóns e máis pantalóns (por Aldara Fernández)

Cando alguén ten poder para tomar decisións nun grupo, dise que “leva os pantalóns”. Isto asóciase directamente ca figura masculina, que sempre levou esta prenda, deixando na sombra a todas as mulleres que ao longo da historia usaron vestidos e saias e non puideron gozar dos mesmos dereitos que o home. A vestimenta, o traballo e as parellas heterosexuais son hoxe en día ámbitos nos que o machismo e o conservadorismo destacan.

A crenza na inferioridade da muller leva da man a necesidade do uso de maquillaxe, tacóns, vestidos… Todo aquilo que os homes aparentemente “non precisan” para lucir ben. Non existe ningunha razón biolóxica que explique que a muller deba ser un obxecto de beleza nin ningunha razón pola cal debe “sufrir para lucir”. É por iso que en actos importantes nos que se lle esixe ao colectivo feminino vestirse dunha determinada maneira, o porqué só se basea en ideas machistas e conservadoras.

Hai arredor de 50 anos, certos traballos debían ser desempeñados por mulleres. Por exemplo, non existían os azafatos de voo. Este labor non podía ser propia dos homes, posto que a súa finalidade era contentar aos pasaxeiros e que estes recibiran luxosos e pracenteiros viaxes. Esixíanse mulleres guapas, altas, solteiras, novas e encantadoras. Afortunadamente, aínda que os uniformes das compañías aéreas fagan unha distinción entre os dous sexos en canto ao deseño, hai que valorar o avance que se levou a cabo. Con todo, seguiremos chamando “señoras da limpeza” ao persoal que elimina o lixo dos espazos comúns.

Por outra banda, o ámbito da parella formada por un home e unha muller é o máis preocupante á hora de analizar a suposta igualdade en que vivimos.  En España, a brecha salarial continúa nun 30% a favor do home e a precariedade na que as mulleres traballan tamén é superior: sempre  a favor do patriarcado. E non hai que esquecer que son as mulleres as que adoitan responsabilizarse dos coidados das persoas maiores, das persoas dependentes, dos fillos, das fillas e da casa. Xa basta de “mulleres floreiro”!

Deixemos de ver machismo só noutras sociedades e deixemos de criticar o alleo cando o que nos rodea deixa moito que desexar. Aínda que as actitudes mellorar, queda moito por facer: os comportamentos machistas perduran. É tempo de que as mulleres tamén “leven os pantalóns”.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.