Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Denuncia (por Aldara Fernández)

Moitos dos abusos que se levan a cabo cada día no mundo non son denunciados. Existen distintas razóns polas que as mulleres temen facelo, sempre ligadas a cada contexto. Tendo en conta que aparentemente hoxe en día creceu notablemente o número de entidades feministas e o tema parece estar avanzando no campo da xustiza, como pode ser que só un 20% dos casos sexan denunciados?

  A principal razón pola cal moitas persoas non son quen de contar que sufriron unha violación e, polo tanto, danos psicolóxicos ademais de físicos, é a falta de apoio que reciben as vítimas. A ausencia de credibilidade cara elas por parte da sociedade ou polo sistema xudicial, convertendo á afectada na responsable dos feitos e exculpando ao responsable, favorece a inmunidade dos violadores e provoca  a inseguridade das mulleres. Vivimos rexidos por prexuízos que nos obrigan a cuestionarnos datos irrelevantes na investigación dos casos, como cando se ten en conta a vestimenta da vítima, o lugar ou o momento.

Ese sentimento de culpa cara a vítima tamén é sufrido por esta. Tenden a pensar que poderían ter evitado dalgún xeito os feitos, ou que a razón pola que sucederon ten algo que ver con elas mesmas. En ocasións, incluso resulta complicado recoñecer a violación nun principio, pois trátase de feitos traumáticos.

Dende o punto de vista dunha muller sometida a calquera tipo de violencia machista, denunciar non resulta sinxelo. As ameazas por parte do agresor pechan a posible vía de escape. En moitos casos, as violacións son provocadas por un descoñecido, pero cando se trata de alguén máis próximo, pódense reducir aínda máis as oportunidades de facer xustiza. Nunha situación de desigualdade, como nunha relación entre un xefe e unha empregada, entran en xogo máis factores. Se o agresor posúe máis poder social ou económico, ocorre o mesmo. É por iso que oito de cada dez persoas non presenta unha denuncia ou tarda en facelo. E isto aínda se complica máis cando esa violencia sucede no chamado “ámbito doméstico”.

As violacións, os abusos e o acoso están presentes en demasiadas ocasións, non só en barrios pobres ou no mundo do espectáculo ou do cine. Todos estes casos deberían ser postos ante a xustiza e o impulso para que se faga está nas nosas mans: no apoio da sociedade ás vítimas. As denuncias presentadas anos despois do sucedido gardan unha historia detrás que debe ser escoitada antes de poñerse en dúbida.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.