Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Tempos modernos (por Antía Rodríguez)

O pasado sábado 12 de xaneiro, deu comezo ás 20.00h. no Auditorio de Rianxo un espectáculo titulado “Tempos Modernos” con David Perdomo e Duarte Galbán como monologuistas. No monólogo cómico exponse un tema ou situación na que se van facendo observacións coa intención de provocar risa.

Durante aproximadamente os trinta primeiros minutos, debutou o rianxeiro Duarte Galbán. Tal e como indica o título do espectáculo, o fío condutor do seu discurso foi unha compilación de anécdotas propias da súa xuventude, incidindo en varias ocasións en que se sentía “vello”. As diferentes formas de ligar, as redes sociais, a vestimenta e demais costumes sociais son aspectos que se trataron ao longo destes minutos, por exemplo a actual inexistencia de palillos nos locais modernos. Hoxe en día, vendo o avance das novas tecnoloxías e todo tipo de modas, faille pensar que el, con 27 anos, xa quedou obsoleto si se compara cos rapaces de 18 anos. Na súa intervención, sempre en galego, puideron apreciarse palabras con gheada e con seseo propias da variante dialectal rianxeira. Caracterizouse tamén por utilizar unha linguaxe coloquial e facer numerosas alusións á sexualidade.

En segundo lugar, David Perdomo utilizou o castelán maioritariamente durante a súa intervención. Porén, tamén dixo algunhas frases en galego de forma cómica e cun acento algo esaxerado. Nun primeiro momento os temas que tratou foron as redes sociais e as formas de ligar. Criticou que as redes sociais nos fan pensar que somos relevantes entre a nosa comunidade, aínda que realmente nos sexa indiferente o que lles pase aos demais, con frases como “o porno dos millenials é Instagram”. Durante un momento, o tipo de humor foi grotesco e verde, mais deuse conta rapidamente de que ao público non lle estaba gustando demasiado, dicindo que tiñamos un humor mais branco, polo que cambiou radicalmente o discurso, e a diferenza entre os cans e os gatos pasou a ser o tema principal. Outro dos aspectos que resaltou foi o uso do xénero neutro (rematado en “e”) como unha moda absurda e temporal. Gustaríame resaltar a linguaxe vulgar que utilizou en certos momentos, especialmente os que fan referencia á sexualidade das persoas e ás diferenzas entre homes e mulleres, dando unha imaxe realmente machista (aspecto polo que se desculpou posteriormente Duarte). Poderíamos situalo como antagonista da diplomacia e da elegancia. Por este motivo mencionou nunha ocasión que cando traballa na TVG (Televisión de Galicia) ten un discurso moi limitado xa que non pode dicir o que realmente quere e non pode tratar certos aspectos como aos que se refire nesta ocasión.

David Perdomo modificou o discurso en función do que percibía do público, cambiando a dirección dos temas e sabendo adaptarse. Pola contra, Duarte seguiu a mesma liña temática durante toda a súa intervención, aínda que é certo que foi moito máis sutil.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.