Imaxe de cabeceira
Sabías que...
O machismo mata (por Antía Rodríguez)

Cada día ao redor de 137 mulleres no mundo morren asasinadas a mans dun home, segundo datos da ONU; a isto a RAE decide chamarlle “violencia doméstica” en lugar de “violencia de xénero”. Tratar de quitarlle importancia á violencia machista non é unha solución razoable para erradicala.

Moitas mulleres son asasinadas polas súas parellas ou persoas da súa familia, pero moitas outras son escollidas ao azar por descoñecidos, homes aos que non lles importa a cal delas roubarlle a vida, secuéstranas para violalas e logo matalas; unha situación que se ve todos os días e que nos obriga ás mulleres a vivir con medo.

Por outro lado, non só non debemos reducir a violencia machista a unha violación, senón que tamén debemos incluír a prostitución forzada, a discriminación laboral, na que as mulleres reciben un pago inferior ao traballo que levan a cabo, ou o aborto selectivo por sexo, que consiste en interromper un embarazo segundo o sexo previsto do bebé, entre moitas outras maneiras de violencia machista.

Cada día denúncianse máis casos deste tipo de violencia, pero non todos. É imprescindible apoiar a aquelas que son quen de denunciar, pero tamén a moitas outras que non son capaces. Nunca debemos cuestionar a veracidade ou falsidade das súas declaracións.

Ninguén nega que non exista violencia doméstica. Ninguén nega que haxa mulleres que matan  homes. Pero tamén ninguén debería negar que só as mulleres morren polo simple feito de selo. Tratar de quitarlle importancia a este problema non é a maneira de acabar con el.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.