Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Invisibles, as mans transparentes que teceron o país (por Irene Fernández)

Hai uns días tiven entre as miñas mans o calendario deste 2019 da editorial Xerais. Ata aí todo normal, xa que o quid da cuestión atópase no contido do almanaque. Cada mes está acompañado por unha imaxe dos anos trinta tirada polo fotógrafo ourensán Xosé Suárez, tendo todas elas unha característica común: o protagonismo da muller galega, mariscando, traballando o liño, tecendo redes, peneirando o gran ou cociñando o polbo, entre outros labores.

Dende xaneiro ata decembro, todas as fotografías teñen na súa marxe inferior dereita unha pequena anotación poética acorde coa foto, como, por exemplo: Peneirar os días como quen peneira o gran, en busca de tempos mellores…

Considero este calendario como unha peza excelente que retrata a unha parte da sociedade ignorada pola historia, valente e loitadora. O exemplo de que non precisaban de ningún home para saír adiante, pois elas aprenderon a loitar soas, no país das viúvas dos mortos e as viúvas dos vivos.

Cabe destacar o magnífico texto do escritor Pedro Feijoo introducindo o calendario, e titulado: Invisibles, as mans transparentes que teceron o país, título que anticipa o tema do seu escrito e que convido a todo o mundo a ler, pois, na miña opinión é un texto excelente.

A verdade é que cando vin o documento só puiden facerme unha pregunta: será isto unha premonición? Ao que me contestei: si, debe ser unha visión de que o 2019 vai ser o ano das mulleres. Quizais as persoas encargadas de deseñar o calendario para este ano non o idearan dese xeito, pero así é como o interpretei eu, aínda que non da mesma maneira ca no intre no que folleei as páxinas, pois para min o ano das mulleres foi o 2018, ano do Time’s Up e do 8M, entre outros acontecementos que marcaron un antes e un despois na nosa historia. Polo tanto, opino que non é un presaxio de que o 2019 vai ser o ano das mulleres, senón que vai ser unha continuación do ano das mulleres 2018, pois unha vez que decidimos erguernos e levantar a voz, vai ser imposible facernos calar: a revolución será feminista ou non será!

Por todas aquelas mans invisibles que teceron o país, todas as escritoras silenciadas e borradas da historia, por todas as pioneiras na ciencia, polas meigas queimadas en fogueiras, polas mestras fusiladas, polas mariñeiras… e por todas as mulleres, ao 2019 só lle pido que sigamos avanzando, sempre xuntas, por un futuro mellor.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.