Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
Tempos modernos (por Sara Tubío)

O pasado sábado 12 de Xaneiro tivo lugar no auditorio de Rianxo unha noite de monólogos, amparada baixo o nome “Tempos modernos” (facendo alusión á actualidade dos temas que trataban). Aquí, dúas persoas, durante aproximadamente una hora cada unha, fixeron a todos os asistentes rir a gargalladas.

Debo admitir que ao comezo non sabía moi ben que esperarme. Nunca asistira a uns monólogos, e o máis parecido que coñecía era o Club da Comedia, o meu principal temor era aburrirme. Que enganada estaba! Ao igual que todas as persoas que completaban o aforo do auditorio rin e rin sen parar durante algo máis de dúas horas, pois resultaron tremendamente amenos e ninguén quería que rematase.

Os encargados de levar a cabo este entretemento foron (por orde de intervención) Duarte Galbán e David Perdomo. O primeiro un veciño da vila que está comezando no mundo do humor; durante a súa rolda fixo un repaso anecdótico dos momentos de maior vergoña da súa infancia e adolescencia, onde tamén tiveron cabida alusións e agradecementos á súa familia e amigos, e ao seu pobo natal. A continuación, chegou a quenda de Perdomo, un artista bastante coñecido no mundo do humor polas súas intervencións en programas como o Land Rober da TVG. El subiu o ton dos monólogos, comentando, sen pelos na lingua, temas tan en auxe na nosa sociedade actual como o feminismo e os inmigrantes, así como o emprego das redes sociais por parte dos e das adolescentes, os desexos máis escuros das persoas, etc. sempre nun ton humorístico, claro!, ademais, procuraba tamén un ton crítico e de reflexión, pretendía facer ao seu público pensar nas decisións que toman, na forma que todos posuímos de xulgar o descoñecido, en como debéramos criticarnos a nós mesmos… e rir, rir sempre.

Durante a súa intervención, David dixo algo que me chamou moito a atención, resumidamente explicou como el se atopaba reprimido cando saía na televisión, defendendo que só se sentía el mesmo cando actuaba nun teatro. Isto levoume a reflexionar sobre a importancia e o mérito desta arte. Na televisión todo está máis programado, o teatro resulta o medio de expresión máis directo. Sería unha enorme mágoa se se perdese! Estou moi orgullosa de que en Rianxo contemos con diversas agrupacións teatrais, algunha delas con máis de cinco décadas de historia, como “Airiños”, e outras formadas hai tan só varios anos.

Unhas horas de risas e evasión, chea de autocríticas e reflexión, foi todo o que esta noite de monólogos me achegou, e non só a min, senón que tamén a todos os asistentes. Creo que ninguén saíu do auditorio sen polo menos ter sorrido un pouco, e iso na miña opinión ten moito mérito. Ser humorista, lograr alegrarlle o día a persoas que ao mellor entraron tristes e sen ganas á representación, merece recoñecemento. Deséxolles todo o bo que lles poida pasar a eses dous grandes artistas e fago un chamamento ao concello para que as noites de monólogos se convertan nun costume en Rianxo, sería xenial.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.