Imaxe de cabeceira
Axenda cultural
O que arde (por Adriana Romero)

O pasado venres 20 de decembro proxectouse no auditorio de Rianxo a película O que arde. Dirixida por Óliver Laxe e protagonizada por Amador Arias e Benedicta Sánchez, conta a historia dos incendios en Galicia. É unha creación en galego feita con actores e actrices non profesionais. Outro feito destacable é que adquiriu moita importancia, por exemplo, obtivo 4 nomeamentos aos premios “Goya”.

En canto ao seu argumento, conta a historia dun home, chamado Amador, que volve á casa de súa nai Benedicta despois de estar no cárcere por prender lume. Esta, estaba situada nunha pequena aldea no medio do monte e dedicábanse a coidar vacas, un can e as súas pequenas plantacións. Amador non se relacionaba con outras persoas da aldea, xa que era un home solitario. Un día comezou a propagarse un incendio preto das casas. Móstrase a preocupación e rabia dos veciños ao ver a súa terra arder, por exemplo, nun señor de elevada idade que pretendía apagalo coa súa mangueira ou nos veciños que traballaban á vez que os bombeiros para que non se estendera. Máis tarde, fixeron contralume, técnica que consiste en facer arder (de maneira controlada) un cacho de monte, para que ao chegar aí o incendio, non teña máis que queimar. Cando todo se solucionou, agrediron a Amador, pensando que fora el quen prendera o lume.

Podemos apreciar os danos que causan os incendios. Un exemplo, é unha casa que ardía diante dos veciños da aldea que estiveran intentando que iso non sucedera. O terreo queimado, sen vexetación. Vemos á señora baixar monte abaixo sobre as cinzas e a rabia dos veciños cando lle pegan ao, para eles, culpable. Con todo, hai moitos animais que sofren as consecuencias dos incendios, cando queiman a súa casa, quedan sen comida,… Isto represéntase cun cabalo con queimaduras, posiblemente cego debido ao incendio e ao que se lle vían os ósos por estar sen comer.

En definitiva, narra moi ben o que son os incendios e os danos que ocasionan. Ademais da importancia de que haxa cine en galego e de que sexa nomeado a premios, demostrando que a nosa lingua é apta para todos os ámbitos.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.