Vivimos nun multiperspectivismo tan extenso que a idea dunha única verdade representa a máis vaidosa ignorancia. Obviamente, isto é aplicable tanto a ideas etéreas coma ao tanxible mundo científico pois, incluso a ciencia está en constante renovación e perfeccionamento, sempre hai un chisco máis onde afondar, uns matices que perfeccionar ou enormes erros que corrixir tras de centos de anos cometéndoos. Todas as realidades teñen multitude de enfoques e, de igual maneira, a lingua tamén ofrece multitude de perspectivas.
Os enfoques que ofrece a lingua, poderían estudarse dende multitude de puntos de vista. Persoalmente, eu analizarei o multiperspectivismo lingüístico dende a realidade da súa sociedade. Cada lingua nace nun territorio cun contexto histórico concreto o cal, evidentemente, condicionará a nacente lingua en todos os seus aspectos. Deste xeito, comparar dúas linguas cuxo marco histórico difire notablemente é un enorme erro.
Tendo en conta que unha lingua é o reflexo da evolución histórica do seu pobo, que significa aprender novos idiomas? Persoalmente, penso que é fermosa a idea de coñecer unha cultura a través da súa lingua. Como dixo Craig Patterson, tradutor ao inglés de Forever in Galicia, escrito por Castelao, “Eu chego a ser outro cando falo en galego. Todos temos dereito a atopar outras paisaxes para a nosa alma”. Semella un soño o sinxelo feito de pensar que unha lingua, que as súas expresións, as súas palabras, o seu acento, poidan transportarnos a unha realidade totalmente distinta e que, polo tanto, poidamos coñecer outro Eu, outra versión de nós mesmos que se agocha noutra realidade agardadndo que o atopemos.
O valor da universalidade de cada lingua, neste caso, a concepción do galego como célula de universalidade, fainos reflexionar sobre a importancia de coñecer outras culturas, outras linguas e, dese xeito, coñecer novos ‘Eus’, novas paisaxes para a nosa alma. Mais, para ampliar as perspectivas, os enfoques, as paisaxes, debemos facelo sobre a nosa propia realidade, sobre o noso propio Eu. Por iso é importante ter unha cultura sobre a cal se asentarán moitas outras pois, ter unha identidade non é un límite senón un pasaporte que derruba fronteiras.
Negar a propia identidade difire totalmente dunha visión cosmopolita do mundo, pois negar a propia identidade é negarse a un mesmo e negar a reciprocidade cultural mediante a cal contribuimos coa propia cultura ás demais, igual que ás demáis culturas contribúe á nosa. Como dixo Craig Patterson “É importante que as grandes culturas (hexemónicas) apoien ás pequenas culturas (minorizadas) e un xeito de promocionar o galego dentro do mundo anglófono é falar sobre os autores galegos”.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]