As persoas que non queren ver como son as cousas pensan que o galego é unha lingua normalizada, é dicir, que funciona con normalidade en todos os ámbitos; pero a realidade non é esta. A normalización dunha lingua significa a recuperación do seu status de lingua normal, ou sexa, conseguir que o seu uso oral e escrito sexa natural e espontáneo en calquera das situacións que se poden producir na vida pública e privada dos habitantes dun país. En 1983, a Xunta de Galicia promulgou a Lei de Normalización Lingüística, co fin de favorecer a normalización e garantir a igualdade co castelán na administración, no ensino, na prensa, etc…
Agora mesmo pódese observar que a situación do galego non é a que desexamos, aínda existen gran cantidade de prexuízos que nos levan a que o castelán continúe a ser considerado unha lingua de maior prestixio social que o galego, asociado este a un status sempre inferios.
Aínda que o galego se atopa no medio dun proceso de normalización, tomáronse medidas insuficientes, como o Plan Xeral de Normalización Lingüística, o número de falantes segue baixando e desprazándose a favor do castelán, sobre todo nos máis pequenos. Se as novas xeracións non falan galego xa non é que non sexa unha lingua normalizada, é que simplemente acabará desaparecendo. Algúns exemplos da situación non normalizada da lingua son a súa escasa aparición na prensa (algúns xornais só escriben en galego un día ao ano), no cine, e mesmo unha presenza inferior á que debería ter no sector educativo.
En resumo, o galego non será unha lingua normalizada ata que desaparezan os prexuízos contra el e se utilice de xeito natural en calquera situación, é dicir, que teña presenza en todos os ámbitos , e para acadar isto son necesarias unhas medidas máis efectivas e unha maior concienciación por parte de todos os falantes.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]