Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas
A realidade da literatura (por Aldara Fernández)

A literatura é unha arte que, na maior parte dos casos, chega aos estudantes cunha imaxe pouco artística. Moitas veces, só a través dos libros de texto. É por iso que se adoita asociar exclusivamemte co ámbito académico, perdendo de vista a cara máis interesante e real deste concepto. A estas alturas de curso, hai quen xa sentiu un cambio na súa visión literaria.

Antes asociabamos a literatura a “chapar”. Autores e obras, en bucle. O noso sistema educativo caracterízase por ser máis teórico que práctico e é por esta razón que os conceptos son máis complicados de asimilar, xa que non se aprecia ningún tipo de utilidade neles. En cambio, certas materias non obrigatorias achégannos á esencia do que moitas veces estudamos coa intención de aprobar, non de aprender. Como imos entender movementos como as vangardas se non lles dedicamos o tempo suficiente a analizalas? Como nos vai envolver a literatura sen ler e interpretar? Tanto na ciencia como na arte, ver reflectido na realidade todo o que parece teoría para o esquezo, anima aos estudantes a achegarse a esas ramas de estudo e culturizarse cada vez máis.

A literatura axúdanos a encontrarnos a nós mesmos, e iso é algo ao que custa chegar plenamente. Precisamos unha motivación que nos faga introducirnos nela. As letras esconden historias, ideas, sentimentos… Temas que poden estar relacionados ca nosa persoa, e sentirse identificado con algo é un dos sentimentos máis pracenteiros para o ser humano. A poesía, por exemplo, pódenos facer sentir comprendidos por unha voz poética. Tamén podemos atoparnos con ideas completamente contrarias ás nosas, que nos aportan coñecementos novos ou que nos fan sentir aínda máis seguros do que pensamos. Como cada quen é diferente, existen infinidades de pensamentos e de interpretacións, e a subxectividade é un dos maiores e mellores misterios. Aínda que non nos baseemos en nós mesmos para escribir unha novela, sempre vai caer unha pinga de inspiración real que se asocia a algo gardado no noso interior. A literatura quizais sexa un dos métodos de expresión máis sinxelos e claros, porén un dos máis complicados á súa vez.

Dise que unha imaxe vale máis que mil palabras, pero unha imaxe acompañada dun texto pode cambiar completamente a interpretación inicial. Literatura quere dicir “a palabra que perdura no tempo”, que garda feitos, sensacións e sentimentos que poderían ter sido fugaces de non ser recollidos coa precisión necesaria. Literatura é realidade e evasión, é coñecemento, fantasía e imaxinación. Trátase dun fenómeno que non depende das modas, porque sempre estará presente dalgún xeito. Por iso, non se debería ver como un concepto só académico.

En conclusión, a visión da literatura pode variar en función de cada persoa segundo como fora introducida na súa vida. Seguramente, en xuño, os alumnos que cursaran Literatura Galega do s. XX terán unha opinión e un coñecemento infinitamente máis amplo en canto a este tema. A aprendizaxe depende das oportunidades e do interese.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.