Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Vintage vs Feísmo Galego (por Lía Figueiras)

Como ben sabemos todos, os galegos pisan forte e deixan legado na historia. Hai milleiros de pegadas galegas ao redor do mundo mais, a que hoxe imos analizar é a precursora do movemento máis popular, que acadou máis likes nas redes e ao que se lle dedicaron máis vídeos titoriais ao redor de todo o mundo. Obviamente, chegados a este punto, xa sabemos todos a que me estou a referir, ao movemento vangardista nacido nas aldeas galegas, cuxo obxectivo é dar unha nova utilidade a obxectos que a perderan, como por exemplo unha bañeira vella e oxidada que se converte nun enxeñoso bebedoiro para o gando ou un somier antigo cuxa nova función é a de inesperado portal. Este movemento mundialmente coñecido, creado polos galegos simultaneamente en todas as aldeas e vilas da nosa terra é a primeira expresión da reciclaxe, máis concretamente dun dos tres erres, ‘Reutilizar’. Os labregos galegos, os primeiros pioneiros da reciclaxe que hoxe está a salvar o noso planeta, reutilizaban todo o que noutras partes do mundo (con, claramente, menos consciencia medioambiental) tiraban. Pero, a pesar do grande avance que supuxo, este movemento foi amplamente criticado debido ao seu impacto paisaxístico e á súa carencia de estética, nomeando esta vangarda como ‘Feísmo galego’.

Pola contra, o Vintage é a máxima expresión artística da decoración. O Vintage, cuxo obxectivo funcional é meramente decorativo, é a ‘arte’ de restaurar elementos antigos utilizando estritamente cores pasteis, lazos e flores ademais de ocupar lugares que nada teñen que ver coa orixe do mencionado elemento ”decorativo”.

Espero que agora vostede, ávido lector, sexa quen de captar a retranca. A retranca que supón o plaxio do Feísmo Galego convertido en Vintage. A retranca que supón que a mencionada bañeira, bebedoiro do gando, sexa criticada por ser fea mentres que unha bañeira pintada de rosa (si, de rosa!), é colocada no ”epicentro” do xardín con flores e macetas no seu interior, sexa innovadora, venerada e fermosa. A retranca de que o mencionado somier como portal sexa humillante, pero que un somier rosa do cal colgan macetas e lazos sexa a encarnación da beleza.

Esta breve crítica comparativa entre feísmo galego e vintage non é máis que un simple pretexto para evidenciar a situación do labrego galego que, a ollos do mundo, é inculto, atrasado e obxecto de burla. Cando a realidade dos labregos galegos dista moito de todos eses prexuízos que repercuten directamente na nosa cultura, na nosa lingua e na nosa identidade. Unha realidade que fala dunha Galicia pobre na que os labregos tiñan que gañar a vida na terra, cuxa vida era moi dura mais non por iso menos digna, unha vida na que tiñan que utilizar os poucos recursos dos que dispoñían.

Espero que agora vostede, lector, reflexione sobre os seus prexuízos cara os labregos de Galicia, os cales, son unicamente un prexuízo cara a súa propia identidade.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.