Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Onde estaban as mulleres? (por Aldara Fernández)

A medida que estudamos a historia do ser humano, dos seus avances, logros, descubrimentos e incluso desastres, queda consolidada unha figura masculina nos nosos adentros. É insignificante o número de mulleres que se recordan na historia como poderosas en comparación co de homes, e deberiamos considerar o porqué.

Na ciencia, na literatura, nos altos cargos, na música… Todo aquel que pasou á historia como unha persoa importante adoita ser un home. Ensínannos que a sociedade machista non lles permitía ás mulleres desempeñar certas funcións na vida por seren exclusivamente outorgadas ao sexo oposto. En cambio, estamos esquecendo a todo ese colectivo que loitou por ter voz ao longo da historia, que agora non é recordado en parte polo machismo actual que as segue ignorando. Moitas ideas e descubrimentos de mulleres foron atribuídos a homes. Por exemplo, Esther Lederberg foi unha gran científica dos descubrimentos da bacteria E. Coli e, en cambio, foi o seu home quen recibiu o premio Nobel por colaborar con ela.

En canto á literatura, coñecemos figuras imprescindibles como Rosalía, porque resultaría inhumano deixala no olvido despois de todas as súas creacións. De todos os xeitos, moitas veces dáse dela unha imaxe errónea, facendo alusión a unha debilidade feminina realmente inexistente. Por outra banda, cantas mulleres galegas axudaron a cambiar certos aspectos da sociedade? Seguramente tantas coma homes, aínda que sexan eles os únicos recollidos nos libros, os únicos coñecidos, os únicos con importancia para quen ignora o que, por exemplo, os libros de texto das escolas ocultan.

Se nos remontamos ao primeiro terzo do século XX, aínda que moitos o descoñezan, as Irmandades da fala non era só un grupo de intelectuais masculinos. Segundo contaba “A Nosa Terra”, máis de 200 mulleres formaban parte da Irmandade da Fala da Coruña, como Elvira Bao, Micaela Cao, María Miramontes e outras moitas que, a pesar do seu traballo, quedaron ocultas baixo o poder dos homes. Elas formaron a Agrupación Republicana Feminina, traballaron na creación da Escola do Ensino galego e nos grupos de teatro das Irmandades. Ademais de destacar pola súa ideoloxía galeguista, tamén defendían a igualdade de dereitos, a necesidade de que calquera persoa tivese oportunidades e acceso á cultura. Para dignificar a muller, creouse unha Sección Feminina nas Irmandades, centrada neste tema: un feito moi avanzado para a época. O Manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo pedía igualdade, pero aínda quedaba moito por facer: só afectaba a mulleres casadas ou co home emigrado. Por desgraza, moitas mulleres só chegaron a colaborar cas Irmandades bordando bandeiras, recadando cartos ou como asistentas de homes con poder.

En conclusión, a sociedade actual débelle moito ás mulleres da historia porque, aínda que non sexan recordadas como protagonistas dos acontecementos pasados, sempre tiveron tantas capacidades intelectuais coma os homes para promover ideas que axudasen ao desenvolvemento da humanidade: tanto na literatura coma na arte, na política ou en calquera outro ámbito. O problema é que foron borradas desa historia que non contaban elas. Por iso, deben ser recoñecidas hoxe en día tanto coma os homes, porque existían, polos seus logros e por seren quen de enfrontarse á sociedade machista que sempre as quixo dominar.

PARA SABER MÁIS:




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.