Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
O galego fóra de Galicia (por Aldara Fernández)

Estamos rodeados de prexuízos. Todo tipo de prexuízos. Vivimos nun territorio onde falar a lingua propia non é un orgullo, por crer falacias como que o galego é inútil por posuír un territorio lingüístico menos amplo ca o do castelán. Que mellor forma de acabar con isto que reivindicando o valor da lingua galega no ámbito educativo doutras comunidades?

O pasado 2 de novembro, o portavoz do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo, Javier Lago Mestre, defendeu a importancia do galego, como lingua minorizada, na comunidade de Castela e León. Afirma que a protección da lingua en zonas con galegofalantes, como Zamora ou o Bierzo, presenta carencias por parte das administracións. Nesta comunidade, existe a posibilidade de incluír nun itinerario de estudo académico a lingua galega como optativa. En cambio, existen centros que nin sequera ofertan esta materia, e a súa introdución ten pouca demanda pola falta de información e concienciación do alumnado, como consecuencia desas carencias.

Fala Ceibe considera que se debería facer unha reforma no Estatuto de Autonomía de Castela e León para que os galegofalantes poidan gozar dos dereitos lingüísticos, individuais  e colectivos, que deberían ter. As posibilidades de aprendizaxe da lingua multiplicaríanse e abriríanse máis campos na docencia. Tal e como afirma este colectivo, considerando o galego como lingua oficial desta comunidade, a obrigatoriedade na ensinanza en lugares onde esta lingua conta con miles de falantes, axudaría a respectala e a prestixiala, ademais de facela medrar. Isto só suporía vantaxes para a situación da lingua, posto que rompería con moitos prexuízos e incrementaría o número de falantes: algo necesario para a supervivencia dunha lingua minorizada.

Existen actitudes en contra da obrigatoriedade desta materia nos institutos, incluso en Galicia. Isto débese a que se considera inferior ao castelán. Por exemplo, afírmase que é inxusto que as comunidades con lingua propia teñan que presentarse aos exames da ABAU con materias específicas para elas, pero esquécese que no territorio existen dúas linguas e polo tanto deberían ter a mesma importancia. Por que estudar castelán e non galego, se ambas son cooficiais? Os prexuízos volven actuar, facendo crer que podemos prescindir do estudo da lingua propia, mais non da hexemónica. Seguramente, ver como noutros lugares se recoñece o galego como lingua oficial e se imparte nas escolas, axudaría aos galegos a tomar conciencia de que as linguas nunca pechan portas (ao contrario), e menos se se trata dunha lingua que constitúe a nosa identidade. Por iso, as ideas propostas pola Fala Ceibe tamén se verían reflictidas positivamente na actitude dos galegos.

En conclusión, fomentar a lingua galega noutras comunidades favorecería notablemente á situación desta, posto que incrementaría o seu número de falantes, o seu prestixio fóra de Galicia e desmentiría certos prexuízos con respecto á utilidade fóra do seu territorio oficial.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.