O 18 de outubro, asistín xunto cos meus compañeiros e compañeiras do IES Félix Muriel, á presentación do libro Sempre en Galicia de Castelao traducido ao inglés, Forever in Galicia. A presentación celebrouse no auditorio de Rianxo con Craig Patterson, o tradutor da obra, xunto co director da editorial Clive Boutle.
Craig contounos que a tradución da obra Sempre en Galiza foi un longo e duro traballo que durou catorce anos, pero do cal se sentía moi orgulloso, polo feito de que cre que libros coma estes deben ser coñecidos universalmente. Ademais tivemos o privilexio de escoitar algún que outro fragmento do libro que nos leu o tradutor da obra.
Durante a presentación, Craig fíxonos saber que sente un amor especial cara Galicia. Explicounos que el cre que todos podemos ter varios “eu”, e que el un deles o ten aquí, unha parte del atópase en Galicia. Fíxonos saber que cando fala en galego se sente outra persoa.
Pareceume fermoso o feito de que sinta tanto amor por Galicia, polo galego, pola súa cultura, etc. Persoalmente ata me chegou a parecer raro que unha persoa estranxeira poida sentir iso cara o galego, polo simple feito de que hai persoas galegas que non valoran tanto a súa propia cultura coma el (algo que me parece moi triste). Iso, dende o meu punto de vista, débese a todos os prexuízos aos que estamos expostos os galegos dende o noso nacemento, mentres que el non foi consciente disto dende sempre porque non naceu aquí, polo tanto coñeceu Galicia, o galego e toda a nosa cultura sen ter coñecemento de todos os prexuízos que existen.
Nun momento da presentación, Craig deu pé a que lle preguntásemos o que quixéramos, e unha compañeira miña preguntoulle o motivo polo que elixiu esa obra, ao que el respondeu que, dende o momento en que tivo o seu primeiro contacto coa cultura galega, durante un Erasmus que fixera mentres realizaba a súa licenciatura en Estudos Hispánicos, tivera moi claro que quería traducir libros do galego ao inglés e que un deles sería Sempre en Galicia. Tamén nos contou que Sempre en Galicia non fora a súa primeira obra traducida pero que si foi a que máis lle gustou e a que mais cariño lle ten.
Finalmente, quero dicir que me parece xenial que haxa xente así e que grazas a persoas como Craig e Clive, a nosa cultura poida chegar a través de libros ata lugares inimaxinables. Tamén me parece incrible o feito de que despois de tantos anos da morte de Castealo, se traduza un dos seus libros máis importantes. E o que me parece máis necesario é que haxa persoas non galegas que teñan ese amor cara a Galicia, algo que pode chegar a ser moi importante, xa que o galego se atopa nun momento no que está perdendo moitos falantes, sobre todo, entre a mocidade.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]