Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Estereotipos e prexuízos lingüísticos (por Aldara Fernández)

A sociedade actual vive baixo estereotipos que simplifican e manipulan a realidade, os cales provocan a creación de prexuízos baseados nestes. Son falsidades procedentes da ignorancia e da carencia de pensamento crítico. Os prexuízos lingüísticos, dados en territorios plurilingües cara a unha lingua propia, poden iniciar un proceso de substitución lingüística, como no caso do galego.

A causa da existencia de prexuízos lingüísticos na sociedade galega é unha consecuencia do conflito lingüístico dende a introdución do castelán en Galiza. Nace a diglosia, a principal causante desta situación, cando o galego e o castelán non logran convivir, posto que a primeira é unha lingua minorizada, a diferencia da segunda: a hexemónica, de uso formal e culto. Naturalmente, non é posible desenvolverse no día a día con normalidade exclusivamente en galego, xa que o castelán está imposto en determinados ámbitos. Isto desencadea a desvalorización social da lingua propia e dos seus falantes, correndo o risco de facela desaparecer.

Dende os inicios da situación diglósica, xéranse diversos prexuízos contra o galego: a falta de utilidade do galego tanto en Galiza como no exterior é unha falacia común que se basea en que o castelán posúe un territorio lingüístico máis amplo; a afirmación de que o galego é máis pobre que o castelán en canto á gramática e ao léxico, cando en realidade non hai linguas mellores nin peores; a consideración do galego como lingua do rural, de pobres e ignorantes, sabendo que a escolla dun idioma ou outro non afecta á formación dunha persoa; a incompetencia dos galegofalantes, por non usala con plena corrección estándar, algo que é imposible en calquera lingua; o galego normativo como idioma inventado, polo proceso de estandarización que sofren todas as linguas; o galego como idioma imposto, ignorando que é a lingua propia e a imposta foi o castelán, a subsistencia do galego grazas ás subvencións, cando recibe moito menos apoio que outras; a lingua como marca ideolóxica ou política; ou o uso do galego como unha descortesía perante persoas foráneas ou descoñecidas.

Como consecuencia, en caso de deixarse levar por todos estes prexuízos, o resultado será o desprestixio total do galego, co conseguinte abandono da lingua, tal e como sucede hoxe en día en canto á perda progresiva de galegofalantes. Os galegos teñen unha percepción negativa da súa propia lingua e, aínda que nos últimos anos a valoración social desta mellorou considerablemente, nin un cuarto da poboación menor de 25 anos a emprega habitualmente. Por outra banda, as persoas que queiran seguir usando o galego en todos os ámbitos, terán cada vez máis dificultades á hora de empregar só esa lingua.

En conclusión, os prexuízos son os principais condicionantes do futuro das linguas minorizadas e pódese loitar por desafacerse deles mostrando orgullo por empregar de xeito normal esa lingua en calquera ámbito, ou simplemente aceptar a mensaxe que queren transmitir e substituír a lingua propia por outra socialmente máis prestixiada.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.