Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Entre soños (por Sara Tubío Rial)

Na sociedade actual o obxectivo de vida da maioría das persoas é gañar cartos, lograr unha fortuna coa que poder mercar máis e máis cousas materiais. Pero existe un pequeno grupo de individuos que teñen soños moi distintos. Precisamente dun deles e do seu soño vou falar a continuación, pois resultoume admirable e fermoso a partes iguais.

Vivir da danza galega, que persoas de fóra de Galicia saiban da súa existencia e lle poñan valor a parte da nosa cultura tradicional é o soño de Fran Sieira, un bailador que abandonou o seu traballo como economista para dedicarse por completo á danza tradicional de Galicia e fai un par de anos creou a súa compañía (do mesmo nome).

O pasado venres 9 de novembro representouse no auditorio de Rianxo “Entre soños”, nunha xira que percorre distintos lugares de Galicia,  a súa primeira obra ou representación de danza teatralizada (resulta difícil de clasificar). Que tivo de especial? Poderían pensar moitos. Pois ben, na miña opinión, foi unha das actuacións máis especiais que vin nunca, non só pola reivindicación e historia que ten tras de si, senón que tamén polo fermoso da súa interpretación, semellando unha obra vangardista en formato de danza.

“Entre soños” é, como nos dixo o propio Fran Sieira, un soño para el, pois a danza é o que máis desfruta no mundo. “Sabía que non resultaría doado, pero se hai persoas que poden vivir do flamenco, por que non se pode vivir tamén da danza galega?” confesounos Fran. E iso, para persoas coma min, que leva bailando este tipo de danza practicamente toda a súa vida, resulta fermosode escoitalo; e non só para os bailadores e bailadoras, senón que creo que, para calquera galego, ver como hai xente que loita, para profesionalizar e internacionalizar parte da súa cultura é digno de admiración.

Durante a representación, Fran e os seus dous acompañantes Xisco Feijoo e Aida Tarrío, ían cantando cancións típicas galegas acompañados por instrumentos tradicionais como as castañolas ou a pandeireta, todo mentres bailaban danzas de distintos lugares de Galicia. Pero máis aló do estritamente visual, esta obra lembroume ao surrealismo vangardista, o seu afán por liberar o subconsciente, a rebeldía da imaxinación contra a lóxica, o seu gran hermetismo e dificultade… E creo firmemente que iso era xusto o que pretendía o autor, que nos deixaramos levar e o acompañáramos no seu soño, que na miña opinión resulta unha metáfora do soño que está logrando realizar ao traballar do que o fai feliz de verdade.

En conclusión, máis aló dos gustos de cada persoa no que á arte se refire, creo que todos poderíamos estar de acordo en que, o feito de que alguén se atreva a arriscar, a loitar polo seu soño, ten mérito, e se ese soño é poder vivir exclusivamente da danza tradicional de Galicia e introducila nun ámbito profesional, no que endexamais se atopou, aínda máis. Por iso, para rematar, só quero darlle as grazas a Fran Sieira e a todas as persoas que pouco a pouco, co paso do tempo,  decidan seguir os seus pasos, poñendo o seu gran de area na difusión da nosa cultura tradicional.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.