Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Comunicación ou cultura? (por María Lorenzo)

O debate sobre a existencia dunha lingua universal coa que todo o mundo puidera comunicarse sen ningún tipo de problema, sempre estivo presente, mais o debate sempre xirou arredor da cuestión se sería tan factible como útil impoñer unha lingua e borrar todas as demais. Eu pregúntome se de verdade estaríamos dispostos a perder miles de linguas, con todo o que iso supón?

Unha das principais vantaxes que propoñen os defensores da imposición dunha lingua universal é a facilidade coa que poderíamos comunicarnos con persoas de todo o mundo, pero detrás de cada lingua hai moitas máis cousas que simples palabras. Hai unha cultura, un sentimento de pertencer a unha terra á que podes denominar túa,  aspectos que só sobreviven co plurilingüismo.

Outras das causas polas que defender a diversidade de linguas en todo o mundo, son as grandes vantaxes que aporta o coñecemento de múltiples linguas entre elas un maior desenvolvemento cerebral, xa que está demostrado que o coñecemento de dúas ou máis linguas axuda “a manter en forma” a peza máis importante do noso sistema nervioso: o cerebro.

Ademais, podemos implantar unha lingua universal ao cen por cen? Como resposta a esta hipótese, podemos poñer como exemplo o latín, o cal foi implantado a todos os territorios que os romanos ían conquistando, O resultado foi a creación de novas linguas, debido ás mesturas do latín coas linguas primitivas de cada lugar, polo que se se producise a implantación dunha lingua universal volvería suceder o mesmo, e outra vez o plurilingüismo acabaría surxindo de xeito espontáneo e natural.

Aínda que moitos propoñen a implantación dunha soa lingua, así só conseguiríamos sacrificar moitas vantaxes, para conseguir un único beneficio, a mellora da comunicación, beneficio que poderíamos atopar dun modo máis sinxelo, como é o coñecemento de máis idiomas.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.