Imaxe de cabeceira
Varia
Tradución e Interpretación en galego (por Irene Fernández)

Xa levaba un tempo pensando en estudar Tradución en galego cando asistín o pasado outubro á presentación de Forever in Galicia. Este feito serviume para reafirmarme, pois pareceume realmente interesante poder dar a coñecer obras da literatura galega a outros pobos na súa lingua.

O ano que vén vou estudar Tradución e Interpretación. Si, gústame ser positiva pero como quizais soe un pouco pretenciosa, cambiarei ese vou por un quero. Como esta idea leva na miña cabeza bastante tempo, vexo necesario compartir o proceso de elección da carreira que teño pensado estudar dentro dun ano.

Todo comezou en cuarto da ESO, cando a orientadora nos impartiu unha pequena charla sobre a educación posobrigatoria. Comentounos as distintas opcións que había para chegar á universidade: bacharelato, un ciclo… Logo, falounos sobre as carreiras, coas súas correspondentes notas de corte e ponderacións. Unha vez que tiven nas miñas mans a listaxe con todas elas, fixeime nunha en concreto: Tradución e Interpretación. Intereseime pola mesma, buscando en Internet información. O que máis me chamara a atención sobre ela fora que no papel había catro apartados da carreira: galego-inglés, galego-francés, español-inglés e español-francés. Non sabía cal desas traducións prefería, pero sabía que quería ser tradutora.

A historia segue o día da entrega da matrícula de primeiro de bacharelato, na que para alcanzar o meu obxectivo de poder estudar a miña carreira soñada, tiña que cubrir o apartado de BACHARELATO DE HUMANIDADES. Na miña ignorancia, pensei que o mellor era optar por un bacharelato de ciencias sociais, coas mesmas materias ca o de letras, pero escollendo mates en lugar de latín, xa que eu non tivera esta última no ano anterior e tiña medo a non seguir o ritmo das miñas compañeiras e compañeiros que si estudaran esta lingua durante o curso 2016-2017. Sei que o estás pensando, así que si, creo que o meu itinerario é un dos máis raros da historia dos bacharelatos.

Durante primeiro de bacharelato este relato estivo pausado, xa que non me interesei no que ía pasar dentro de dous anos, pois, ao meu parecer, había suficiente tempo como para pensar no meu futuro. O ano continuou con normalidade, desenvolvéndose sen outra preocupación que aprobar filosofía, pero iso si, intentando conseguir unha boa media.

Durante todo ese tempo non sabía que tradución facer, se en español ou en galego, en inglés ou en francés, e sendo franca, sigo sen sabelo. Son varias razóns as que fan que non saiba cal delas estudar: unha delas é a nota, pois as catro teñen catro notas distintas, e outra delas é a oferta laboral. Aproveitarei esta situación para falar do que a xente opina sobre traballar de tradutora. Sempre que lle comento a outras persoas as distintas linguas nas que se pode estudar, contéstanme o mesmo pero co galego non vas a ningunha parte, amosando así un prexuízo lingüístico sobre o galego por parte dos seus falantes: a falta de utilidade do galego.

Xa levaba un tempo pensando en estudar Tradución en galego cando asistín o pasado outubro á presentación de Forever in Galicia. Este feito serviume para reafirmarme, pois pareceume realmente interesante poder dar a coñecer obras da literatura galega a outros pobos na súa lingua; do mesmo xeito que facelo dende outras lingua ao galego. Pareceume moi destacable que unha persoa inglesa pasara a ser tradutor de galego cando aquelas que teñen a oportunidade de facelo na súa lingua, prefiren escoller converterse en tradutoras de español.

Para finalizar, analizarei obxectivamente a situación. Na miña opinión estudar en galego ten moitas máis vantaxes que facelo en castelán: a competitividade laboral é moito menor, xa que o español supera en número de falantes ao galego e hai moita máis xente optando ao mesmo posto de traballo; tamén contribúe á normalización lingüística, pois implicaría que @s galegofalantes puideran utilizar a súa lingua nun maior número de ámbitos, por exemplo, lendo libros traducidos ao galego en lugar de en español.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.