Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Sen pelos na lingua (por Irene Fernández)

pelos na lingua 3O pasado sábado vinte tivo lugar na sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo, ás oito e media da tarde, a obra de teatro Pelos na lingua, cuxo elenco estaba formado por Toño Casais, María Ordóñez e Artur Trillo, do grupo teatral Talía, á que asistín, ao igual que moitos dos meus compañeiros e compañeiras.

Probablemente o lector ou lectora estea a preguntarse sobre que trata o espectáculo, mais con ese título non é moi complicado adiviñar o tema da obra: a lingua (galega). Como o propio grupo indica, está destinada a todo o mundo, independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que o inglés debería ser a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ao mundo enteiro, independentemente da súa lingua.

A continuación, vou contar a obra escena por escena. Digo isto para que sirva como aviso a navegantes para que, se alguén quere desfrutar da mesma, se dirixa ao último parágrafo para non ter que sufrir un spoiler. A obra comezou coas dúas personaxes masculinas explicando que ían “falar dela”, referíndose á personaxe feminina, vestida co traxe tradicional galego, que saíu de detrás do biombo, a cal, simbolizaba a lingua galega. Logo, esta, comezou a quitar a roupa que levaba, para deixar ver un vestido negro co que interpretou a unha moza que discutía cos seus proxenitores, pois acababan depelos na lingua 1 saber que a súa filla, castelanfalante durante toda a súa vida, nada máis chegar a Santiago, entendendo aquí que se atopaba estudando na Universidade, comezara a falar galego. Esta situación deulles pé para amosarlle ao público algúns dos prexuízos máis comúns contra o galego: o galego é un idioma imposto (os pais dinlle que é pola imposición del gallego) ou a falta de utilidade do galego (con el gallego no vas a ningún sitio). Ademais, cando ela lles responde en galego, eles dinlle que parece que ten pelos na lingua.

Na seguinte escena, as personaxes de Toño Casais e Artur Trillo reflexionan sobre como se sabe se un está enfermo de lingua, tendo pelos na lingua? Cabe destacar que esta afirmación será mencionada múltiples veces no desenvolvemento da obra. A continuación, a seguinte situación que se representa é a dunha clínica á que acode un home co desexo de quitarse o galego: é unha sensación horrible, coma se tivese  pelos na lingua. Unha vez que os médicos actúan, o home comeza a falar castelán, mencionando que se sente máis profesional, pero en canto intenta falar inglés, non é capaz de pronunciar ben palabras como Shakespeare ou show, pois o galego comparte fonemas coa lingua inglesa que no castelán non están presentes.

Despois dunha aparición que recrea como un adestrador de fútbol lle fala en galego aos seus xogadores e un pai lle traduce todo ao seu fillo, o cal di que é por culpa das manías nacionalistas, se non pensas coma eles péganche, expoñendo outro prexuízo (o galego como marca ideolóxica e política), ten lugar outro número no que aparece un ladrón, falando en castelán e representando ao mesmo, intentando roubar o ordenador dun home, pero aparece Supergalega para evitalo. Este foi un dos momentos nos que máis rin e nos que percibín máis gargalladas, pois na loita entre ambos utilizaron cancións: pola parte do castelán, Y viva España, de Manolo Escobar, que para Supergalega era un son irritante, estrondoso e imposible de aturar; mentres que, Supergalega, ao mesmo tempo que golpeaba ao seu inimigo bailando unha muiñeira, utilizou unha canción tradicional galega da que non lembro o nome.

Parodiando os programas de misterio, o seguinte sketch foi o que trataba os grandes enigmas galaicos, centrándose na razón pola que os camareiros galegofalantes se dirixen aos clientes en castelán, situación que identifiquei co prexuízo da caracterización pexorativa do galego e a incompetencia dos seus falantes. O misterio resólvese cando a audiencia repara no feito de que cando alguén colle a bandexa, en lugar de dicir leite, di leche. O presentador finaliza o programa dicindo que na próxima entrega resolverán o misterio da aparición dun galegofalante no centro de Vigo.

Unha das miñas escenas favoritas foi a seguinte: un pai e unha filla castelanfalantes fan unha visita á Cidade da Cultura para ver ao último falante do galego. O pai quere que o home lle fale en galego á súa filla, pero vale cincuenta euros, ao que o proxenitor, ante a indignación por ter que pagar, responde coas seguintes afirmacións: pero si es una lengua cooficial; así hablaban los abuelos de mis abuelos; nostros somos galleguiños; yo soy bilingüe lo entiendo perfectamente; ¿Quiere privarle de su propia lengua?; Qué dulce y melodioso suena el gallego. Creo que xa non fai falta explicar que esas declaracións corresponden a prexuízos. Finalmente, cando o pai se dirixe a protestar, a nena fálalle ao home en exposición en galego, pois sabe falalo grazas a que o seu bisavó faláballe en galego.

A continuación, hai unha sucesión de números breves: unha muller que afirma que non fala ben o galego, ao que dous homes lle contestan anda, que o castelán!; dúas rapazas andando en bicicleta que se interesan por un home ata que o oen falar galego; un home que lle pide á funeraria que a necrolóxica sexa en galego ao que lle responden, en castelán, que están falando de cousas serias; un médico de Colombia que escribe unha receita en galego, mentres que a paciente, de Lalín, quere que estea en castelán; dous amigos falando, en galego, nun bar sobre que eles enténdense perfectamente en español; e un xornal no que figura a lingua dos criminais (galego).

O penúltimo sketch trata dunha nena que escoitou que os nenos están perdendo a lingua, sobre todo nas grandes cidades. Para non perdela, o que fai é falar moito, chegando a cantar unha canción infantil en galego. Finaliza comentando que non vai perder a lingua nin en soños.

Finalmente, o público observa aos alumnos dunha escola privada nunha manifestación en contra da “imposición” do galego, xa que resúltalles moi complicado estudar na nosa lingua e que incluso os número son distintos. De súpeto, a rapaza comeza a falar galego, e, de feito, afirma que na casa fala galego co seu avó, ao igual que un dos seus compañeiros, pero como ninguén fala galego pois non o falan. Unha vez que os tres confirman que usan a nosa lingua, comezan a cantar a canción de Bóla de Dragón, momento no que fartei de rir.

Para finalizar, enumeran unha serie de ámbitos para usar o galego, que veñen sendo todos os posibles, alegando que fales o galego para a situación que queiras, pero que o máis importante é falalo.

pelos na lingua 2Se ti, lector ou lectora, chegaches ata aquí, parabéns; pero se seguiches as miñas indicacións e viñeches ata este último parágrafo para escoitar a miña opinión sobre a obra, grazas por non ignorarme. Pareceume unha obra moi amena e sobre todo moi interesante pois amosa situacións reais nas que se dan prexuízos contra o galego. Ademais, tendo en conta que xusto esa semana estiveramos estudando os prexuízos lingüísticos na clase de galego, serviume para ver a teoría aplicada á realidade. Recomendaría sen dubidalo esta obra, pois, a través da risa fai que unha reflexione sobre a situación da súa lingua, e, como dixeron no espectáculo: utiliza o galego nas situacións que queiras, pero faino!




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.