Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
O galego nos comercios (por Irene Fernández)

Fai uns días entrei nunha tenda. Ata aí, nada fóra do normal. O que contarei a continuación é o tema sobre o que tratará este artigo: nela, atopeime cunha tableta onde podías opinar sobre o establecemento, concretamente H&M, a través dunha serie de preguntas. Coa intención de completar o cuestionario, decidín comezar, pero antes de facelo era necesario escoller a lingua na que o querías facer. Aquí está o importante: entre estas linguas atopábase o galego.

O problema reside no seguinte feito: por unha banda, este acontecemento é moi positivo, xa que contribúe á normalización lingüística, pois permite utilizar o galego nese ámbito; pero por outra, ademais de que había importantes faltas ortográficas nas preguntas e nas respostas, resultou que @s caixeir@s se dirixían a min en castelán, o que non facilita acadar ese obxectivo. A iso súmaselle a situación de diglosia que presenciei no mesmo establecemento, pois moitas persoas galegofalantes cambiaban de lingua ao chegar á caixa, debido aos prexuízos lingüísticos.

Pero isto non ocorre só nas tendas de roupa, acontece tamén nas librarías, véxase o seguinte exemplo que vivín nunha das mesmas: nas paredes había palabras escritas facendo referencia aos distintos obxectos do comercio, pero en castelán, mentres que os carteis sinalando os prezos estaban en galego. O empregado dirixíase aos clientes e ás clientas en galego, pero est@s, que durante o tempo no que esperaban a súa quenda falaban na nosa lingua, en canto chegaron ao mostrador cambiaron de idioma, aínda que o dependente continuaba a falar en galego. Nese mesmo espazo, acontece o seguinte: adultos con nen@s ao seu cargo falan con todas as persoas do establecemento en galego, a súa lingua, pero cando se comunican cos pequenos e pequenas fano en castelán.

Na miña opinión, falarlles aos rapaces e rapazas en castelán porque é mellor para o seu futuro non ten ningunha vantaxe, xa que aprenderán un castelán cheo de influxos do galego, pois os seus proxenitores son galegofalantes, ademais de que está demostrado que ser bilingüe mellora a función cerebral do individuo e as súas habilidades sociais, aumenta as perspectivas de emprego e dá acceso a outra cultura. Tampouco saberán como producir fonemas comúns entre o galego e o inglés, como por exemplo o fonema ʃ.

En resumo, hai distintas situacións nas que os galegofalantes poden utilizar o seu idioma, pero por mor dos prexuízos lingüísticos non o fan, dándose así unha situación de diglosia, do mesmo xeito que @s máis pequen@s aprenden un castelán repleto de influencias do noso idioma, o chamado castrapo, situación que de continuar no tempo provocará unha gran perda de falantes, xa que as próximas xeracións aprenderán o castelán que lles ensinarán na casa.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.