Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Historia da lingua galega entre 1916 e 1936 (por Irene Fernández)

Resultado de imaxes para A nosa TerraNo comezo de século, o galego é a lingua de comunicación oral maioritaria, vinculada aos sectores rural e mariñeiro, aínda que comeza a perder falantes. O castelán é a lingua hexemónica entre as clases dirixentes e nos ámbitos formais e o galego está excluído do ensino e dos medios de comunicación. Diversos grupos culturais e políticos loitarán neste período pola recuperación do galego como lingua culta, destacando as Irmandades da Fala.

As Irmandades da Fala fúndanse na Coruña o 18 de maio de 1916 da man de Antón Villar Ponte co obxectivo de defender a dignificación e a ampliación de usos da lingua. O seu voceiro era A nosa terra e ademais das reivindicacións culturais, presentan un ideario político ben definido que supón o inicio do nacionalismo.

En canto á súa actividade cultural, potencian o uso do galego en todo tipo de ámbitos (ensino, xustiza, prensa, tradución de obras da literatura universal…), fundan editoriais e publicacións periódicas en galego, publican Algunhas normas pra unificazón do idioma galego e un dicionario castelán-galego, impulsan o teatro pola súa importancia normalizadora e social e poñen en marcha o Seminario de Estudos Galegos.

Os escritores desta época caracterízanse polo supradialectalismo, xerme dunha normativa unificadora, e polo diferencialismo, que levará a rexeitar palabras coincidentes co castelán ao identificalas incorrectamente como castelanismos e substitúense por outras diferentes (e erradas): hipergaleguismos, vulgarismos, dialectalismos e arcaísmos. No referido á ortografía, obsérvase unha gran falta de uniformidade.

Outros grupos que impulsaron o galego foron: o grupo Nós (1920), creado ao redor da revista Nós, constituído polos principais autores da época (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao…), creadores da prosa galega e modernizan e universalizan a lingua; o Seminario de Estudos Galegos (1923), fundamental na investigación da historia e cultura de Galicia; e o Partido Galeguista (1931), que redacta un Estatuto de Autonomía que nunca entrará en vigor.

O século XX significou un avance cualitativo importante, consistente en proxectar o galego a outros campos dos que ata entón estivera excluído. Reivindícase así o galego como medio de expresión natural en todas as facetas da vida. Este avance vén marcado pola aparición de importantes movementos de carácter nacionalista que continúan o labor desenvolvido polo Provincialismo e o Rexionalismo no século XIX.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.