Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas
Cal é a utilidade do inútil? (por Aldara Fernández)

Resultado de imaxes para pintur instrumentos musicaisNa sociedade actual, o principal obxectivo é gañar cartos e enriquecerse cada vez máis. Unha cadea sen fin, de avaricia e focalización no capital. Por iso, xa non queda tempo para a creación nin para a busca de emocións sen máis finalidade que a súa en si mesma. Onde se atopa esa xente que escribe ou comparte música por paixón e non por comercializar os súas producións? Como se explica a finalidade da arte se non se sente nin se aprecia?

Arte. Esa palabra que invade a mente de cada individuo con múltiples creacións, ideas, lugares ou sons. Milleiros de elementos que nos recordan esa sensación inexplicable que só ela pode transmitir. É subxectiva, tal e como é cada recuncho das nosas emocións. Non se pode cuantificar. É arte, útil e inútil á súa vez, na súa esencia. Cando o beneficio económico dela é nulo, abandónase, ignorando que este concepto foi inventado para o contrario: o pracer sen ningún outro obxectivo. Os cartos son útiles, pero non aportan a total felicidade. Pode que crear arte tampouco, pero achéganos máis a ela. A súa maior virtude é a forma que ten de aloumiñar a quen a aprecia e a capacidade de transmitir o que cada quen precisa expulsar do seu interior mediante unha vía distinta á fala cotiá.

Case ninguén se imaxina unha vida sen música. A música marca o compás da vida, e pódese adaptar de infinitos xeitos segundo cada mente pensante. A inutilidade da arte pódese considerar que sexa facernos sentir vivos. Se algo nos diferencia das demais especies é a razón, e por incrible que pareza, a propia razón humana precisa dunha evasión creativa. Non nos alimenta, non nos cura de enfermidades nin resolve problemas matemáticos, pero aporta algo único, e incluso axuda ao noso benestar mental. Ao longo da historia, a arte sempre sufriu colgada dun péndulo. O movemento literario modernista, por exemplo, buscaba a beleza na estética dos poemas, máis que na importancia da mensaxe incluída no contido. Poderíase aplicar a certas cancións que nos transmiten algo aínda que non as entendamos. Pola contra, toda mensaxe melódica é máis contundente se o aspecto literario da súa letra ten potencial. Existiron miles de maneiras de interpretala segundo a época, pero a súa utilidade sempre foi a mesma: todo e nada á vez.

Adicar unha vida á arte é imposible sen unha remuneración mínima, como todo hoxe en día. Por iso o capitalismo acaba envolvendo na economía até o menos cuantificable. As leis da oferta e da demanda definen perfectamente a actualidade, e todo o que se sae delas carece de sentido para os habitantes do primeiro mundo. A arte non ten prezo por moito que se lle queira poñer, e por iso é considerada inútil. Non porque non teña unha finalidade, senón porque nos resulta inconcibible. Todos podemos facer arte incluso sen querelo. Os nenos pintan trazos sen pensamento crítico, con toda a inocencia pueril, e non son quen de explicar que é o que están facendo, e iso é arte: unha acción porque si.

En conclusión, por máis que o intentemos evitar ou controlar, a inutilidade da arte resulta ser útil e necesaria para o ser humano porque, aínda que queiramos cuantificar todo, ás veces certas realidades non poden ser dominadas pola razón.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.