Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Unha terrible realidade: o “galegués” (por Sara Tubío Rial)

Na actualidade publícanse a diario noticias falsas na rede, a veces resulta tremendamente difícil distinguilas das auténticas, pero outras veces as falacias mesmo doen na vista.

O outro día navegando pola rede atopei un blog cuxo contido non puido sorprenderme máis. Neste explicábase (en teoría) a orixe e significado dalgunhas palabras en galego. Ata aquí todo normal, o preocupante ven cando analizamos a fondo os contidos de dita web. Da palabra “parabéns” dicía cousas como “los de la RAG han copiado del portugués la denominación parabéns para así diferenciarse del odiado castellano”, cando galego e portugués teñen unha orixe común; o mesmo acontece con abano, “me imagino que al ser en galegués será con V por aquello de que no se parezca al español”, e así con moitas outras palabras da nosa lingua. Esta páxina tamén defendía a existencia do “galegués”, un idioma artificial empregado na televisión de Galicia e  nas escolas galegas, que segundo o autor ou autora do artigo baséase en substituír palabras que son idénticas en español e galego por outras inventadas ou copiadas do portugués. Todo isto resulta absurdo pois o idioma das aulas e dos medios de comunicación de Galicia é exactamente o mesmo que falamos os galegos.

A primeira publicación deste blog que atopei data do 2009 e a última foi no 2016, transcorreron polo tanto oito anos nos cales a esta web non pararon de subirse artigos (falsos) en contra do galego; centos de artigos onde as mofas contra a lingua galega son continuas. Todo isto fainos pensar como, lonxe de erradicárense, os prexuízos contra a nosa lingua seguen aí en pleno século XXI.

É certo que no primeiro terzo do século XX produciuse o denominado “diferencialismo” da man dos intelectuais da época, neste rexeitábanse as palabras que coincidían co castelán ao identificalas (erroneamente) como castelanismos, provocando a destrución de moitos cultismos galegos creándose no seu lugar hipergaleguismos, vulgarismos, arcaísmos… e isto é o que creo que o autor ou autora do texto critica, mais iso produciuse hai máis de oitenta anos, agora, o galego conta cunha normativa ben establecida, ca etimoloxía das palabras ben estudada e co coñecemento da orixe das mesmas, o que lles faltaba naquela época. Polo tanto, todas as palabras do galego recollidas na gramática galega son como son pola súa orixe, non por diferenciárense do español.

Vivimos nun mundo plurilingüe, onde a diversidade é inevitable, para ben de todos (ou polo menos da maioría das persoas) existen miles de linguas, entre elas o galego, e resulta preocupante que aínda agora exista xente que non o acepte e teña uns prexuízos tan grandes contra a nosa lingua que dedique o seu tempo libre a escribir falacias sobre un idioma de centos de anos de antigüidade por riba nun blog que ten por nome “peste gallega”.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.