Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Unha imaxe chea de prexuízos (por Carla Rañó)

Os prexuízos lingüísticos están formados a partir de falsidades, distorsión da realidade e falacias, que aumentan grazas á ignorancia sobre unha lingua. A imaxe anterior, recolle algúns dos principais prexuízos sobre a lingua galega, pois un grupo de xente nova galegofalante é criticado por falar na súa lingua.

O galego é considerado lingua de pobres, do rural, polo que se ve aos galegofalantes deste xeito, mais todas as linguas pasaron por duras etapas, e o galego precisamente perdurou grazas a que o pobo o mantivo vivo nos Séculos Escuros, época na cal se consideraba que o galego era unha lingua con pouco valor.

Ademais disto, a imposibilidade de levar unha vida totalmente en galego axuda a manter o prexuízo de que a lingua galega non é útil, que non serve máis alá de Galicia, e a isto súmaselle a falsa idea de que o galego é un idioma imposto, falsa idea porque non se pode impoñer algo que xa é propio da terra.

Algo que tamén axuda a prexulgar o galego é a política, falar galego automaticamente se converte nunha marca ideolóxica, cando en realidade desde os comezos das Irmandades da Fala a pluralidade de políticas estivo moi presente entre todos os membros que defendían o galego.

Postos a falar de política, tamén podemos falar de subvencións, con moita ingnorancia considérase que o galego segue vivo grazas a estas axudas e é discriminado polo feito de non ser capaz de manterse só, pois todas as linguas reciben subvencións e o galego non lle debe a vida a elas.

En canto á gramática, os castelanfalantes consideran o galego normativo un idioma inventado, a pesar de que todas as normativas se crean a partir da evolución lingüística. Ademais, ven unha falta de educación o feito de falar galego cunha persoa foránea pero ¿moléstanse eles en aprender e falar galego cando veñen a Galicia?

Con todo isto, vemos que existen razóns históricas para os prexuízos cos que ten que vivir o galego. Na imaxe considéranse raros aos xoves que empregan a lingua galega na súa terra, en cambio os “bichos” raros non son eles, senón os que manteñen estas falsas ideas nas súas mentes ignorantes.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.