Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Xabaxeración: a xeración que se perde

Por Bernal Muíños

XABARÍNPara un sector da sociedade galega, se algo marcou a súa infancia e influíu no seu xeito de ser na idade adulta, foi sen dúbida o “Xabarín Club”. Moita xente garda entre os seus recordos máis felices o bocadillo de Nocilla mentres vía Dragon Ball, Shin Chan, o Detective Conan ou Código Lyoko. Esa mocidade criada con series e música en galego resulta ser un dos grupos de maior compromiso e conciencia ca lingua. É a chamada “Xabaxeración”, a exemplificación do éxito dun proceso normalizador.

Que foi un éxito é innegable. Unha xeración que se dirixía cara o monolingüismo a pasos axigantados convertiuse nunha das máis activas na defensa do galego. Cantábanse éxitos dos Diplomáticos de Monte Alto ou dos Heredeiros da Crus (o xa mítico Bravú) pola rúa, falábase de Doraemon ou de Arale pola rúa, e afiliáronse máis de cen mil rapaces ao programa. Aínda hoxe en día moitos dos que tivemos a honra de poder formar parte do que foi aquel fenómeno cantamos as sintonías dos debuxos animados que enchían as nosas tardes e á mínima poñémonos a bailar e cantar cando soa unha canción do programa, como as xa históricas “Eu o que quero é xamón” ou “Volver a casa por Nadal”.

Algunhas das claves do éxito eran a frescura da idea (o Anime e o Manga chegaron ao Xabarín Club antes que ao resto de España, por exemplo, e demostrouse que o galego tiña un lugar no mundo da animación) e a maneira de chegar aos cativos. Tívose en conta que os nenos non son deficientes mentais, que dan pensado, e por iso utilizouse unha actitude rebelde, sen tratalos como se fosen de porcelana. Así o di tamén Francisco Castro, un dos directivos de Galaxia: “a razón do éxito do Xabarín é que non era ñoño. Era atrevido, era vangardista, partía da idea de que os cativos e as cativas non son parvos. [...] A irreverencia chama a atención e a irreverencia ben coidada é moi educativa”. Deste xeito de crear contido para a infancia xorden persoas que hoxe protestan contra o que consideran inxusto en vez de calar e asimilar e se negan a aceptar a dominación de Galiza e do seu idioma.

Pero a luz que desprendía o programa foise apagando. Para os que collemos o “Xabarín Club” no final da súa época dourada a influencia que exerce está aínda, pero é moito menor que a que recibiron, por exemplo, os nacidos no 95 e anteriores. Hoxe en día triunfa a televisión con cadeas temáticas. 24 horas de contido infantil ininterrompidas, como en Disney Channel, Boing e Clan TV. Non é fácil competir contra iso, pero co contido que aportaba a TVG antes do 2009 era posible. Era, como xa dixen antes, atrevido, innovador, completamente único. Non en todos os lados se podía ver as Totally Spies ou Gatocan, pero aquí si. Pero dende a chegada ao poder de Feijoo, o elemento máis destrutivo co galego dende hai moito tempo, non convén que o porco bravo máis coñecido en Galiza siga sendo referencia. No uniformalismo, o diferente vende, e cómpre para os uniformizadores que non exista dita alternativa. Por iso, nin se apoia nin se intenta que o contido do “Xabarín Club” sexa punteiro, nin dende as institucións nin dende a TVG (cadea que debería ter como principio máximo a dinamización do idioma). Pero é un principio que, polo que ben se ve ao observar a introdución do inglés en cada vez máis series do programa, teñen un tanto esquecido. É un precepto que alguén debería recordarlles, pero dubido moito que mentres non cambie o vento que sopra nos postos elevados da Xunta, esa idea que debería ser unha máxima saia do esquecemento.

O idioma está na peor situación da historia. Non é alarmismo, é realidade. E o que antes conformaba un elemento vital e de enorme potencia normalizadora, hoxe está en horas baixas. Se descendemos na liña de idade da poboación galega, hai cada vez menos Leo i Arremecághona, menos One Piece, menos “Carmiña Vacaloura” (menos galego, resumindo) e máis Maluma, Peppa Pig e Dora a Exploradora (máis castelá, como mostra o IGE). Necesítase un repunte de iniciativas do tipo do “Xabarín Club”, que creen un vínculo de afecto cos máis mozos. Porque se o túa serie preferida e a túa canción máis escoitada están nun idioma, nace un cariño cara esa lingua. E se algo fai falta hoxe é amor propio, amor polo que realmente é noso.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.