Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Deberes

 

(Por Alba e Iria)

Deberes… Non fai falta explicar que son. Coñecidos coma os pesadelos da rapazada e adolescentes, son un tema moi soado. Hai quen apoian as tarefas fóra do tempo escolar, hai quen din que deberían ser opcionais e hai quen defende que non serven para moito e que só  quitan tempo. É realmente certo que son prescindíbeis? Ou en verdade axudan ó desenvolvemento académico?

 

Os deberes son diversas tarefas que se lles deixan encargadas ao alumnado para facer na casa e levar nun prazo determinado de días feitas. Xeralmente, ocupan unha ou dúas horas diarias dependendo da dificultade dos exercicios e da habilidade de quen os faga. Existe un conxunto de familias que opinan que, xunto coas horas escolares, é quitarlles demasiado tempo libre ós seus fillos e fillas; e que levan moita carga de moitas materias. Porén, outros afirman que é correcto e que axuda  a ser máis responsables e desenvolver un carácter traballador. Isto, sumado a que a maioría de nenos e nenas repudian os deberes, fai deles un tema especialmente controvertido.

Se ben é certo que ás veces é difícil organizarse e compaxinalos co noso tempo, é correcto dicir que os deberes poden axudar á aprendizaxe da  responsabilidade desenvolvida. Se se lles consegue inculcar que dende unha curta idade  facelos é importante, desenvolverá a noción de non deixar para última hora o importante. Ademais, pode servir para repasar materia para exames próximos ou para descubrir dúbidas importantes que chegarían a pasar factura. A educación é un factor realmente importante na vida, e que vaian concibindo dende idades temperás que o é, axudarálles en cursos superiores.

Pero, tamén é certo, que os deberes non son bos cando se converten nunha tarefa que ocupa horas e horas. Se nun mesmo hai que estudar, facer actividades extraescolares e aínda por enriba adicarlles dúas horas ós deberes, obviamente vai desenvolver un sentimento de frustración cara os estudos. Sería bo que o profesorado regulase a cantidade de deberes xerais para non exceder un determinado número de horas; preferiblemente, unha. Tamén hainos que teñen moito máis tempo libre, pero non sería xusto que algúns tivesen menos deberes que os máis. O ideal sería levar unha cantidade non moi pesada, pero a suficiente para ter ocasión de practicar.

Para fomentar que se fagan, é bo que os pais teñan un papel activo. Poñer un horario fixo, un sitio de estudo concreto e non facerlles todo, axuda a que non rexeiten tanto ter que realizalos e a que aprendan por si  a seguir unha rutina. Débese de axustar un horario determinado, iso é o máis importante; compaxinar as tarefas coas actividades de estudo e co tempo libre. Se os deberes interrompen a rutina lúdica, van asocialos co fastidio. En cambio, se se consegue que teñan ambos regularmente, este efecto redúcese. Noutros casos pódese empregar o sistema de premio, pero podería provocar que non aprendan nada cos deberes e só queiran terminalos rapidamente para xogar.

Tamén está ben axudar, pero non dicirlle as respostas, así só aprenderán a ser dependentes e non desenvolverse ben por si mesmos. Aínda que se equivoquen, son eles e elas quen teñen que facelo. Se non entenden algo pero non o poden deixar en branco, si sería recomendable que pregunten xa sexa á familia, ou buscando a información; esta última é sen dúbida a máis axeitada . Pero, en todo caso, non se lle debe de dicir a resposta así por así, habería que procurar que o entendese e deixarlle desenvolverse.

En conclusión, os deberes son necesarios para forxar o carácter dos nenos; pero tampouco é necesario que lles quiten todo o tempo para levar esta función a cabo; pois poderían xerar desinterese polo estudo, (cousa que xa pasa na maioría dos casos). O ideal é que os pais procuren darlles un espazo e un tempo determinados e que os profesores traten de non sobrecargalos.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.