Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Ningunha estrella pide permiso para brillar

Por Coral Romero

O pasado 26 de abril do 2018 foi un día triste para todas as mulleres do mundo. Os nosos dereitos foron “pisoteados”, a nosa moral destruída e a nosa visión do mundo moito máis gris. Vivimos nunha sociedade que se cre defensora dos dereitos de todas as mulleres, de protexernos e proporcionarnos axuda cando a precisamos. Todo parece moi bonito, como se vivísemos nun mundo de fantasía onde todo remata ben, o malo é capturado e a vítima volve ser libre. A realidade, moi distinta da que nos queren facer ver. É todo unha mentira.

Dinnos que chamemos ao 016, que se denunciamos o noso agresor rematará entre reixas, que unha denuncia arruínalles a vida, e, o que aínda é máis hipócrita dada a gravidade do asunto, que a xustiza está para axudarnos ás mulleres. Dinnos que a xustiza realmente existe, que ten que ser para todos a mesma, e ninguén pode quedar excluído pois, entón, xa non sería xustiza. Desgraciadamente,  ese ideal foi esquecido polo que se nos di que é a xustiza española”.

A caso é xustiza o que fixestes co xuízo da Manada?, ou o que tanto tempo dicides levar facendo? Enganosa, falsa, ficticia… son miles os sinónimos que se poden empregar para definir o que aquí, neste noso país, se coñece como xustiza.

A nosa querida xustiza é a mesma que nos pon en cuestión cando levamos “roupa inadecuada”, paseamos soas pola rúa e, a inda por riba a horas tardías da noite… e, por se non fose pouco, xustiza é esa que prefire darlle a razón a 5 homes acusados de “violar” a unha muller antes que metelos no cárcere para o resto das súas vidas. Por sorte, ou por desgraza, depende de como se mire, a eses individuos (se é que se os pode denominar cunha palabra tan digna) condenáronos a 9 anos de cadea por un delito de abusos sexuais, xa nin violación, porque ao parecer, se a eses  desequilibrados (porque non existe outra palabra para eles), ou os que sexan, se lles dá por facer de ti o que eles queiran e non te resistes por medo a que as cousas sexan peor, a culpa, claramente, é túa.

Isto é España, o país que deixa impunes os delitos contra as mulleres, o lugar onde se non te resistes din que foi todo consentido, onde se te resistes probablemente rematarás coma a pobre Diana Quer (por ser imposible mencionar a todas as demais), onde se non denuncias es parva por non facelo e, onde se o fas, poñen en cuestión a túa palabra e a culpa remata sendo túa. Dende a perspectiva dunha estudante de segundo de bacharelato tan só me queda darlle as grazas ao noso querido e xusto sistema de xustiza español, pois hoxe a quen salvastes foi aos homes e a nós o único que fixestes foi arruinarnos un pouco máis a existencia pero, pese a iso, nada nos parará nin nos fará ser diferentes polo temor a que algo nos suceda e, como moi ben dixo o músico Melendi “ela non é a princesa delicada que veu a este bar a estar sentada, ela non é soamente o que ves, a ela nin ti nin ninguén lle para os pés!”.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.