Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Mariña Riveiro

Por Nuria Tubío

IMG_0314Marina Hortensia Riveiro é unha rianxeira que destaca por ser das primeiras empresarias que fundou unha fábrica de roupa para mulleres. Ela leva 48 anos no sector, é dicir, dende 1970. Concedeunos unha entrevista na que nos contou cousas moi interesantes sobre a súa historia.

  • A que idade empezaches a interesarte pola costura?

Pois xa dende ben pequena, tería uns nove anos, ía para a casa dunha veciña. Alí eu cosía cousas coa máquina que ela tiña, e sempre que eu faltaba na casa sabían que eu estaba alí cosendo porque era realmente o que me gustaba facer.

  • Nun momento en que había moitas mulleres que cosían nas casas e para fóra, como decidiches montar unha fábrica?

Pois eu tiven esa decisión porque non quería que o meu home andara a navegar. Entón eu empecei a traballar na casa facendo cousas para a xente da aldea, máis tarde vin que iso era o que me gustaba. E foi como comezamos a vender, polas catro provincias galegas, tendo o mellor repartidos seis clientes por cada unha. Daquela, só tiñamos catro máquinas de costura e dúas rematadoras, traballaban sete rapazas nada máis empezar o negocio. A saia que era o produto que máis se vendía, andaba polas trescentas pesetas a máis barata e, por catrocentas, a máis cara.

  • Quen che apoiou máis na túa inciativa e quen che puxo atrancos?

Atrancos non me puxo ninguén, porque daquela valía todo o que fixeras aínda que se ganaban poucos cartos. Pero como a miña iniciativa a tiña clara, ninguén me quixo botar para atrás. O meu marido, vendo a ilusión que me facía e o decidida que estaba, sempre me apoiou.

  • Como organizaches o negocio? Sabías algo de xestión ademais de coser? Tiveches axuda?

O negocio o principio organizámolo entre o meu marido e mais eu. A el dabaselle moi ben o tema dos números, aínda que eu tamén sabía algo pero prefería coser, tampouco podía con todo. Os dous fomos moi traballadores, eu quedaba hasta as dúas ou tres da mañá cosendo e el ademais do negocio que tiña coa súa familia polas tarde, as noites quedaba facendo as contas.  Así cando era necesario comprar unha máquina viamos si tiñamos suficientes cartos nese momento ou tiñamos que seguir esperando. Ademais o meu home andaba por Galicia de representante para atender mellor o cliente, ao mellor traia cinco mil ou sete mil pesetas pero era necesario para despois ir pagando as letras das teas, alfinetes, fíos… Como dixen antes no setenta tiñamos sete mulleres a traballar pero xa cara o ano noventa eramos unhas vinte mulleres, a que se lle daba ben coser era capaz de facer unhas dez saias o día pero agora iso xa vai por cadea.

  • Que unha muller levase o negocio estaba ben visto?

Estaba ben visto, chamábanche decidida pero se realmente tiñas ganas de traballar íanche apoiar. Iso si, naquela época tiñamos que loitar moito para conseguir que as cousas foran adiante. No ano setenta non tiñamos practicamente nada pago e tiñamos un empeño de setenta e cino mil pesetas que daquela eran moitos cartos. Sacámolos adiante nós durante os vinte anos de traballo e dende aquela xa ibamos pagando e comprando.

  • Con que marca empezaches a vender a túa roupa?

Empecei coa marca de Hortensia, eu son Marina Hortensia e para non poñerlle o meu nome púxenlle o apelido. E, como curiosidade, cóntoche que me confundían  cos paquetes da panadería Hortensia. Máis tarde puxémoslle á roupa unhas etiquetas co nome de Alcriscon, que eran Álvaro, Cristina e Constantino, os nomes dos meus fillos. Aínda así todo era relacionado coa mesma empresa. Máis adiante fixemos unha nave nova a que lle puxemos o nome de Mariña Riveiro porque queriamos cambiar os modelos. Os de Hortensia eran uns modelos máis clásicos e os de Mariña Riveiro era para as máis novas.

  • E para que tendas levaches a túa marca?

Nós tiñamos uns modelos: bordados, con volantes… e íamos ás tendas e compraban os modelos que máis lle gustaban. Sempre fixen eu os modelos ata que Cristina me empezou axudar.

  • Despois de todo o tempo que pasou, cando decidistes que querías poñer a tenda física?

IMG_0315Decidimos poñer a tenda porque sobraban sempre moitas cousas de clientes, porque hai clientes que teñen o pedido feito e nós vendemos sempre sobre pedido. Entón ó mellor había clientes que anulaban prendas e como nós o tiñamos todo feito xa quedaban no almacén e esas tiñamos que vendelas moi baratas e non nos saía nada rendible. E así foi como decidimos poñer a tenda para poder vender o noso produto a un prezo máis rendible.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.